3 de xuño de 2022

A GUARDA

A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda acollerá “Contamaxias”, co Mago Paco  

Terá lugar o sábado 11 de xuño ás 12:00h, con entrada libre ata completar aforo.  




Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda acollerá o vindeiro sábado día 11 de xuño ás 12:00h,  o evento “Contamaxias” a cargo do mago Paco. Trátase dun evento de maxia divertida para nenos e nenas a partires do 3 anos de idade cunha duración aproximada duns 50 minutos onde o Mago Paco preséntanos unha morea de contos e historias a través de xogos e da maxia, que levará a nenas/os e maiores a descubrir a “maxia divertida” que agochan os contos.   

 Desta volta, este peculiar personaxe, argallou novas maxias engadindo a risa como elemento principal para sorprender o seu público. Unha proposta pouco convencional para traballar os contos, pero moi, moi divertida.  

 Esta actividade está incluída no programa Ler conta moito, iniciativa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.  

 A través do programa Ler conta moito, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.  

 Deste xeito as bibliotecas reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporcionan.  

 A entrada para este evento é libre ata completar aforo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario