Voluntarios e voluntarias coruñesas viaxan a Senegal coa ONG Ecodesarrollo Gaia
Guillermo Fernández-Obanza* / A Coruña
Un grupo de 9 voluntarios e voluntarias da ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia viaxarán proximamente a Senegal para coñecer de primeira man os proxectos que a organización leva a cabo en terreo. Trátase dun grupo de persoas que colaboran de maneira frecuente nas actividades e proxectos que Ecodesarrollo Gaia realiza na Coruña, atendendo as necesidades da poboación inmigrante que reside na cidade.
Nesta expedición, que terá lugar do 16 ao 30 de xuño, as persoas voluntarias poderán coñecer a outra cara do traballo que desenvolve a ONG, visitando a Escola Coruña construída por Ecodesarrollo Gaia na localidade senegalesa de Yoff-Tonghor e coñecendo de primeira man a realidade do país africano.
Isto permitirá que as persoas participantes sexan conscientes dos desafíos do mundo actual, recoñecéndose como suxeitos con obrigacións e dereitos, e con poder para conseguir cambios. Descubrirán a diversidade das persoas e dos pobos como fonte de enriquecemento humano, fomentando o interese por participar e comprometerse coa comunidade e os seus desafíos, para lograr un mundo máis equitativo e sostible, sobre todo en relación cos factores educativos, sanitarios e ambientais.
Con esta iniciativa, o persoal voluntario da sede coruñesa de Ecodesarrollo Gaia mostra o seu compromiso coa solidariedade norte-sur, os dereitos humanos e o desenvolvemento sostible, contribuíndo á meta 4.7 da Axenda 2030 de Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible: “Construción dunha cidadanía global”.
Ecodesarrollo Gaia
Ecodesarrollo Gaia é unha organización sen ánimo de lucro para o desenvolvemento sostible nada en Coruña en 1992, e que debe o seu nome á acepción da palabra grega “Nai Terra”. Esta ONG eríxese como organización ponte entre dous grupos humanos: a cidadanía inmigrante e a poboación de acollida.
Neste marco, Ecodesarrollo Gaia axuda á xente inmigrante durante o seu proceso de integración na nova contorna, tendo como obxectivos a paz social para a cidade, a realización satisfactoria dos proxectos migratorios e a conciliación positiva entre os intereses da cidadanía inmigrante e a cidadanía autóctona. Trátase dunha ONG de codesarrollo e cooperación internacional integrada maioritariamente por persoal voluntario e cuxos servizos son gratuítos na súa totalidade.
* Coordinador de Ecodesarrollo Gaia
Ningún comentario:
Publicar un comentario