10 de maio de 2022

VIGO

Galicia e Portugal reafirman a súa potencialidade na explotación e valorización das macroalgas no II Foro dos Recursos Algais organizado por Cetmar  

Distintos expertos puxeron de manifesto a abundancia deste recurso, a súa importancia nos ecosistemas mariños costeiros e o seu gran potencial económico


Na apertura deste foro participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que destacou a importancia da cooperación transfronteiriza neste ámbito, a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites

Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O II Foro dos Recursos Algais celebrado esta mañá en Vigo serviu para poñer de manifesto a potencialidade de Galicia e Portugal na explotación das macroalgas e na valorización deste recurso de grande abundancia nas costas de ambas rexións. Organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, o evento retomouse dez anos despois da súa primeira edición para ofrecer unha visión integradora do potencial real deste recurso.

 A xornada celebrouse coincidindo coa finalización do proxecto Alternativa integral para a explotación de macroalgas na zona de Galicia e Portugal (Algalup) que, coordinado por Anfaco-Cecopesca e coa participación de Cetmar e outras entidades galegas e portuguesas, vén traballando nos últimos catro anos en promover a investigación e a innovación do sector das macroalgas nesta área xeográfica.

 A través da interconexión entre centros tecnolóxicos e universidades especializadas deste sector, o consorcio Algalup traballou para mellorar o coñecemento sobre as especies de interese e a adaptación dos procesos produtivos ás condicións específicas na zona así como para  trasladar os resultados obtidos ao tecido industrial e aos sectores interesados mediante accións como o foro celebrado hoxe.

 Na apertura deste foro participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que destacou a importancia da cooperación transfronteiriza neste ámbito, a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites.

 A primeira sesión deste evento foi sobre o estado actual das algas en Galicia e Portugal e os avances no seu cultivo. Nesta parte, os expertos puxeron de manifesto a abundancia deste recurso tanto en Galicia como en Portugal, a súa importancia fundamental nos ecosistemas mariños costeiros, o seu gran potencial económico e a existencia de especies sometidas a explotación comercial en ambos territorios.

 En canto ás especies aínda por explotar, os investigadores ven necesario o desenvolvemento de novos procesos de cultivo e o estudo de novas aplicacións, accións nas que vén traballando o consorcio Algalup desde 2019. Neste sentido, o proxecto permitiu avaliar o stock de cinco especies de macroalgas seleccionadas polo seu interese na alimentación humana e polas súas propiedades funcionais (antioxidante, inmunoestimulante e antiinflamatoria. Para iso leváronse a cabo mostraxes en 35 puntos distribuídos ao longo de 1.600 quilómetros de costa, 14 en Galicia e 21 no norte de Portugal.

 O Foro proseguiu cunha segunda sesión centrada na valorización das macroalgas e nos usos actuais en diferentes sectores. Neste ámbito déronse a coñecer os avances do proxecto, que traballou con dúas especies en diversas áreas e impulsou novas iniciativas para o aproveitamento a través da aplicación de derivados e compostos bioactivos extraídos das algas. Neste eido avaliáronse, entre outros aspectos, aplicacións dos polisacáridos destas algas para desenvolver produtos para o tratamento e rexeneración de lesións na pel.

 En relación aos usos deste recurso na alimentación humana, o consorcio Algalup investigou como varía a composición nutricional das dúas especies ao longo do ano, información que resulta de interese para seleccionar a época de colleita máis apropiada. Ademais, a alga Codium, que nos últimos años gañou popularidade como especie comestible polo seu sabor a percebe, utilizouse para elaborar novas propostas culinarias.

 O broche final do II Foro dos Recursos Algais na sede de Cetmar foi un debate e unha demostración culinaria con degustación de catro receitas elaboradas por Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, e coa colaboración de Capitán Alga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario