A Xunta de Galicia avoga en Baiona pola coeducación desde as primeiras etapas de ensinanza para acadar unha Galicia máis igualitaria, máis xusta e máis diversa
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no CPI Cova Terreña na inauguración da exposición Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas, que desenvolve a Administración galega para dar a coñecer o labor de 12 mulleres galegas referentes de diversas xeracións
Infogauda / Baiona
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella avogou hoxe en Baiona pola coeducación desde idades temperás como o camiño para acadar unha Galicia máis igualitaria, máis xusta e máis diversa. Na inauguración da exposición da Xunta Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas, López Abella afirmou que educar é a semente da igualdade e, por iso, afirmou que apostar pola coeducación é apostar por unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes, sinalando a importancia de transmitir valores de xustiza e igualdade de xeración en xeración.
Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas percorre desde hai un ano as bibliotecas autonómicas para dar a coñecer a traxectoria de doce escritoras e comunicadoras galegas comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia. “Esta exposición supón o merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre mulleres e homes”, apuntou.
Recóllense as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como Concepción Arenal ou Mª Luz Morales, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais a Sofía Casanova, correspondente de guerra, e a Virginia Felicia, coñecida como A raíña do folletín. Completan o elenco nesta exposición as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.
A Xunta persegue, en definitiva, coa mostra que a mocidade coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. As primeiras xornalistas forman parte doutros recursos didácticos da Consellería de Emprego e Igualdade, pensados especialmente para os centros educativos, como é a exposición Wonenburguer, que tamén estivo presente no colexio Cova Terreña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario