O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño incorporará as achegas do tecido empresarial ao seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD)
Mantivo unha reunión con varias empresas do territorio para presentar as liñas de intervención do PSTD e recoller ideas e suxestións
Foto: X. R. de V. e B.M.
Infogauda / Mos
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quere contar
coa opinión e a participación do tecido social e empresarial na súa candidatura
ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino. Neste camiño, representantes do
Xeodestino reuníronse con diferentes perfís do sector privado de todo o
territorio para contar coa súa experiencia e visión da realidade e poder así
incorporar ao plan ideas, suxestións ou necesidades que detecten no seu día a
día.
Tratouse dun encontro moi produtivo na Axencia de
Colocación de Mos no que representantes de nove entidades de diferentes
sectores puideron coñecer de primeira man as liñas de intervención coas que
contará o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, que nesta convocatoria
estará centrado na enogastronomía, un eido que funcionará como eixe vertebrador
de todas as accións desenvolvidas nos 14 concellos do territorio e no que o
Xeodestino ten un gran potencial.
Entre as ideas a incorporar, os e as participantes
salientaron a importancia de non esquecerse da gastronomía vinculada co mar, un
elemento con importante atractivo a nivel turístico e que en ocasións pode
quedar relegado a un segundo plano cando se fala do desenvolvemento ou
gastronomía rural. O cambio de modelo turístico, a desestacionalización da
tempada e a prolongación das estadías dos e das visitantes foi outra das
cuestións abordadas durante o encontro, xa que, aínda que son aspectos que
benefician ao sector botan en falta un maior traballo en rede que permita
ofertar os mesmos servizos que durante a tempada alta.
O público máis novo e ofertas de lecer acordes
para eles, a aposta polo produto local, a modernización e actualización dalgúns
aspectos do sector ou paquetes turísticos diversificados foron outros dos temas
postos enriba da mesa polas empresas participantes. Todas e todos os
participantes salientaron a importancia de contar con ferramentas ao abeiro do
propio plan que lles permitan desenvolver iniciativas xa maduradas e
desenvolver proxectos sustentables e novidosos, como a restauración virtual de
elementos patrimoniais a través da realidade aumentada para fomentar un turismo
distinto e único.
Neste encontro participativo, representantes do
Xeodestino e das empresas abordaron tamén o proceso de posibles axudas ao
sector que recolle o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un instrumento
financiado a través de fondos europeos Next Generation cos que dar pulo á
transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable.
Neste sentido, os e as participantes tamén amosaron a súa preocupación por
dispoñer de selos que certifiquen o compromiso das entidades por ser un destino
sostible, puxeron enriba da mesa problemas como a mobilidade intradestino e
destacaron a importancia de formar ás empresas sobre como vender de xeito
adecuado o territorio ás persoas visitantes.
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará a súa candidatura ao Plan de Sostenibilidade Turística en Destino antes do 17 de maio, un plan comedido, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, axustado ao número de concellos e á poboación do territorio, con accións transversais centradas nunha transición verde e sostible, na mellora da eficiencia enerxética, na transición dixital e na competitividade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario