26 de maio de 2022

TOMIÑO

O Concello de Tomiño celebra o Día “Quere o teu Mercado” cunha demostración de cociñado 

Os chefs dos Paradores de Tui e Baiona elaborarán creacións innovadoras con produtos da contorna 




Infogauda / Tomiño

 Este sábado 28 de maio celébrase o día internacional "Quere o teu mercado", unha iniciativa que busca dinamizar os mercados e prazas de abastos, fomentando na cidadanía o consumo de produtos locais e, no caso das institucións, tratando de garantir que os mercados se manteñan como espazos cheos de vida e lugares de encontro para a sociedade. 

 O Mercado de Tomiño foi reformado de xeito integral hai varios anos tras un proceso participativo no que a sociedade puido propoñer como quería que fose o mercado da súa localidade. Foi recoñecido como Mercado de Excelencia en 2019, sendo o primeiro de Galicia en obter este distintivo. Dende entón, o Concello de Tomiño leva a cabo diferentes actividades de difusión e interese nas súas instalacións. 

 No marco da celebración do día "Quere o teu mercado", o Mercado de Tomiño acollerá unda demostración de cociñado, da man de dous recoñecidos cociñeiros da comarca: Miguel Rodríguez, chef do Parador de Baiona, e Emilio González, chef do Parador de Tui. 

 Segundo sinala o concelleiro de Promoción Económica, Francisco Campo, “trátase dunha oportunidade única para achegarnos aos produtos locais dun xeito diferente. Ademais, tralo cociñado, os asistentes poderán degustar os pratos resultantes da demostración no 1º andar”. 

 A actividade comezará ás 11:00h coa compra dos produtos que se empregarán no cociñado nos propios postos do Mercado de Tomiño. 

 Ás 12:00h dará comezo a demostración de cociña coas seguintes elaboracións: pasta fresca con espinacas de Tomiño e tomates do Baixo Miño. Aproveitando un produto tradicional da montaña lucense crearán un arroz de androia. Mesturarán xurel da ría de Vigo con puré de kiwi tomiñés e escabecharán unha peituga de polo de cría caseira da zona. Por último, sorprenderannos cunha torta de queixo azul con ovos da casa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario