Música tomiñesa para poñer banda sonora ao domingo de sesión vermú no Mercado
O público terá unha nova oportunidade este 15 de maio ás 12.30 horas de desfrutar de tomar algo mentres escoita música en directo
Infogauda / Tomiño
Esta fin de semana Tomiño ten unha nova cita dos
seus domingos de sesión vermú, unha das actividades programadas dentro de
‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello para reactivar a actividade
económica e social do municipio e animar á xente á volver de novo ás rúas.
Este domingo 15 o público poderá gozar dun rato
de boa música da man da baterista tomiñesa Andrea González Giráldez e do Alonso, Piñeiro,
González Trío. Andrea González, nada en Cristelos, comezou a tocar percusión
con 11 anos na banda de gaitas de San Vicente de Barrantes e dende entón non
abandonou a música. Actualmente sigue a súa carreira de batería na
especialidade de jazz e música moderna no Conservatori Superior de Música del
Liceu de Barcelona e toca, ademais de no trío co que estará no Mercado, na Big
Band do conservatorio, no cuarteto Kai, no grupo Sybille e en Gara Quartet.
A música en directo comezará a partir das 12.30
horas e a actividade será de balde ata completar aforo. O obxectivo da campaña
é conseguir que todas as fins de semana haxa actividades e opcións de lecer en
Tomiño que animen á veciñanza a visitar e comprar nos mercados municipais e o
no comercio local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario