31 de maio de 2022

PONTEVEDRA

OS PROXECTOS E OBRAS EXECUTADOS COAS SUBVENCIÓNS ÁGORA 2021 PERMITIRÁN RECUPERAR 100.000 M2 DE ESPAZO PÚBLICO NA PROVINCIA   

Os ‘Concellos Ágora’ reuníronse hoxe en asemblea para coñecer novas iniciativas da Rede para este exercicio, no que se repartirán 2 millóns de euros en subvencións para redactar proxectos   

A Deputación de Pontevedra porá a disposición unha ‘Ordenanza Ágora’ para dotar de seguridade xurídica aos municipios que recuperen espazo público dos coches para as persoas   

A presidenta provincial, Carmela Silva, nun momento da súa alocución, en presenzado  deputado Uxío Benítez

Fotos: Rafa Estévez
Na reunión da Asemblea Ágora estiveron hoxe presentes alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de 37 concellos da provincia de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 Os proxectos e obras executados coas subvencións Ágora de 2021 permitirán recuperar 100.000 metros cadrados de espazo público na provincia, unha cifra equivalente a dez campos de fútbol. Ese foi un dos datos que se deu a coñecer hoxe na segunda Asemblea Ágora celebrada con 39 dos Concellos da Rede Ágora, na que se presentaron as diferentes iniciativas que se están a desenvolver e se fixo balance das actuacións xestionadas dende o departamento de Mobilidade da Deputación para recuperar espazo público retirándollo aos vehículos e devolvéndollo ás persoas.  

 Na xornada explicáronse as novidades da nova edición da Facultade Ágora, presentouse o borrador da nova ‘Ordenanza Ágora’ da Deputación para dar marco xurídico á recuperación do espazo público na provincia, presentáronse as ‘Subvencións Ágora 2022’ que ascenden a 2 millóns de euros, e fíxose retrospectiva e balance das convocatorias de axudas Ágora de 2021, nas que se financiaron 31 proxectos e sete intervencións que se están a desenvolver grazas tamén a outros programas da Deputación (Plan Concellos, ReacPon...) e a fondos europeos. 

 O deputado Uxío Benítez destacou que os obxectivos da creación da Rede Ágora “están a ser unha realidade”. Subliñou que a día de hoxe pódese facer un “gran balance” porque  “deses 31 proxectos e 7 intervención estamos a falar de máis de 100.000 metros cadrados de espazo público para as persoas que se está gañando”. Lembrou que a Rede Ágora naceu para impulsar e empurrar aos concellos a recuperar espazo público para as persoas con formación, iniciativas divulgativas, financiamento, asesoramento e investigación, “e está a conseguir o obxectivo concreto e práctico. Sempre dixemos que de aquí a final de mandato había que facer un balance e ver cantos metros cadrados se conseguiron... E pensamos que vai ser algo que nos vai diferenciar a todo tipo de niveis, porque co empuxe da Deputación os concellos adheridos á Rede Ágora transformaron o seu espazo urbano, o seu espazo público, aumentando a súa calidade de vida”.  

 Pola súa parte, a presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou na súa intervención que “cando cambiamos o espazo público, cambia todo” e neste senso apuntou que nestes últimos sete anos o cambio na provincia baixo o recoñecido modelo de mobilidade da Deputación, que dá prioridade ás persoas, foi “transcendental e vaise acelerar moitísimo a corto e medio prazo”. Esta transformación “para poder facer fronte aos retos da nosa sociedade, que demanda espazos de calidade” non podería ter sido posible, dixo, sen o “espectacular” compromiso dos gobernos dos concellos da provincia  “e se non se tivesen sumado con paixón” a este “proxecto de todos e todas que xa é unha referencia” e que tamén ten como consecuencia que “a economía volve”.   

 “O que estamos a facer é dar mellor calidade de vida –agradeceu a presidenta aos representantes municipais presentes- e témonos que sentirnos moi orgullosos e orgullosas dos cambios e de ter traballar xuntos e xuntas, para construír esta transformación e esta gran rede”. Neste senso, destacou que moitos dos proxectos presentados á Rede Ágora se teñen financiado a través do Plan ReacPon e indicou que a aposta da institución por seguir apoiando estas actuacións “vai continuar”. “Hoxe non hai concello que cada vez que elabore un proxecto no seu concello non o faga baixo os principios Ágora”, salientou.   

 Subliñou tamén a importancia de dotar agora aos concellos dunha normativa xurídica para avaliar estes cambios no espazo público a través da ordenanza tipo de mobilidade que está a elaborar a Deputación e que se presentou na asemblea. “É algo fundamental porque temos ordenanzas que non se corresponden co novo modelo-indicou- e precisamos un instrumento rápido para tomar decisións e facelo rápido nestas cuestión. Vai haber moitos recursos e temos que apostar por proxectos potentes e claros que constrúan unha provincia cunha mobilidade moi avanzada como xa a temos”.   

Proxectos 100% Ágora 

 O deputado Uxío Benítez, xunto con representantes técnicos do departamento de Mobilidade, fixo mención a que grazas aos proxectos redactados con axudas de Ágora (e financiados nas obras fundamentalmente co ReacPon), estase a actuar nestes momentos en preto de 25.000 metros cadrados da provincia, incrementando 12.640 metros cadrados en total para a cidadanía, seguindo plenamente os criterios Ágora de poñer ás persoas primeiro. “Son actuacións 100% Ágora”, subliñou Benítez.   

 Entre as actuacións que están máis avanzadas están a adecuación urbana da Praza de Rosalía de Castro en Gondomar, na que se gañarán para as persoas 1.347 m2 (+100%); a humanización da rúa Alexandre Bóveda, en O Grove, cunha recuperación de superficie para o peón proposta de case 3.000 metros cadrados; a humanización da contorna do Mercado de Abastos de Seixo, no Concello de Marín, onde se aumentará nun +281% a superficie destinada ás persoas (1.173 m2); a reordenación da Praza Frei Antonio Orge, en Ponte Caldelas, onde haberá 1.800 m2 para as persoas dun total de 2.348m2; a remodelación da Praza do Calvario, en O Rosal, onde a superficie proposta para o peón é a totalidade da praza, 5.565 m2, un +187%; a humanización da Rúa Marqués de Viana, en Salvaterra, na que a superficie para as persoas é de 1.205 m2, un +150%; a humanización da Praza Cimadevila-Rúa Rosalía de Castro, en Soutomaior, tamén coa totalidade do espazo, 3.090 m2, para as persoas (+100%); e a mellora da Rúa Vázquez, en Vila de Cruces, con 1.542 m2 para as persoas, cun incremento do 80%.   

 En canto ás subvencións destinadas a obras en 2021, púxose sobre a mesa a mellora -en distintos estados de evolución-, das obras da humanización da praza da Feira, en A Estrada;da rúa Arzobispo Lago, en Vilagarcía; da rúa República Arxentina, en Tomiño; da rúa da Gaivota, en Nigrán; da contorna da praza do Concello, en Moaña; da rúa Manuel Rodríguez, en O Porriño; e dos corredores verdes en O Covelo.   

 Benítez tamén anunciou a nova convocatoria de axudas de 2022, centrada principalmente en financiar con 2 millóns de € a redacción de proxectos , tamén 100% Ágora e seguindo o espírito europeo de redución de CO2 “porque hai vías de financiamento para executar obras tanto da Deputación como de fondos europeos”. Subliñou que nesta anualidade introduciuse  a especificidade de subvencionar tamén itinerarios peonís e ciclables, para animar aos concellos a cambiar de mobilidade motorizada a mobilidade peonil ou ciclable, mobilidade activa. Outra das novidades é que este ano os concellos poderán solicitar axudas para varios proxectos, sempre dentro do límite económico de 50.000 euros.  

Nova ordenanza 

 Outra das novidades que se presentou na asemblea de hoxe é a redacción por parte da Deputación dunha nova ‘Ordenanza Ágora’ reguladora da mobilidade amable e a utilización dos espazos públicos. Trátase dun documento común que poderá servir de base a ordenanzas municipais propias e personalizadas para cada un dos concellos, no que se apuntalan os principios Ágora de centrar nas persoas todas as actuacións.   

 O texto foi entregado aos concellos para facer achegas, correccións e alegacións antes da súa aprobación definitiva. “A competencia da mobilidade é absolutamente municipal. Sodes os concellos quen tedes que decidir. Pero con este documento temos unha base común. Non hai moitos concellos no estado que teñan unha ordenanza sobre espazo público e isto vai situar a provincia no mapa a nivel estatal”, destacou Benítez.   

 A ordenanza dá base xurídica aos concellos para incrementar os espazos públicos destinados ás persoas, crear infraestruturas de mobilidade alternativa (a pé e en bicicleta) e poder cumprir todos os proxectos executados baixo os Principios Ágora e as directrices da Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable da Deputación de Pontevedra.    

 Na reunión da Asemblea Ágora estiveron hoxe presentes alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras dos concellos de Poio, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas e A Lama da comarca de Pontevedra; de Mos, Soutomaior, Pazos, Salceda e O Porriño, da área de Vigo; de Moraña, Catoira, Valga, Portas e Pontecesures, da comarca de Caldas, do Rosal, Tui e Tomiño, do Baixo Miño; Gondomar, do Val Miñor; Marín, Vilaboa, Moaña e Cangas do Morrazo; Meis, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, e Vilagarcía, do Salnés; Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Ponteareas, As Neves, Salvaterra e Covelo, do Condado-Paradanta; e Vila de Cruces do Deza-Tabeirós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario