COMUNICADO DO GRUPO PROVINCIAL DO BNG SOBRE O PLENO EXTRAORDINARIO SOLICITADO POLO PP SOBRE A PRESIDENTA
O Grupo Provincial do BNG ten por norma, uso e costume utilizar o Pleno da Deputación para as cuestións para as que está concibido, é dicir, o debate sobre asuntos políticos que afectan a institución e as decisións de xestión.
Neste sentido, nunca levou a Pleno asuntos xudiciais, incluso cando afectaban directamente a cargos en activo da Deputación, como sucedeu no mandato 2011-2015 cando o presidente e outros deputados do goberno do PP dirixido por D. Rafael Louzán estiveron imputados ou investigados.
Tampouco levou a Pleno ou utilizou as intervencións plenarias cando houbo sentenzas relacionadas con actividades da Deputación, como recentemente a sentenza condenatoria do Sr. Louzán.
En consonancia coa nosa traxectoria, rexeitamos o uso pernicioso do Pleno provincial para asuntos xudiciais que nada teñen a ver coa actividade da Deputación, como é o caso que torticeiramente trae o PP. Este Grupo Político non vai a intervir na sesión, como mostra de rexeitamento por este uso indebido e amoral do Pleno. Por máis que exista unha discutíbel sentenza favorábel, segue a ser un uso indebido e amoral.
Se por principios e ética política os grupos que compoñemos a maioría da Corporación, PSOE e BNG, non utilizamos o Pleno para repudiar as actuacións derivadas dos procesos xudiciais condenatorios por actuacións na Deputación de cargos do PP, tampouco imos darlle pábulo a unha proposta relativa a asuntos totalmente alleos á Deputación e, xudicialmente, tamén absolutamente alleos á propia persoa que puerilmente pretende reprobar o PP.
Pontevedra, 27 de maio de 2022
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario