27 de maio de 2022

OIA

O concello de Oia remata a pasarela colgante peonil sobre o río Carballas, en Loureza, grazas a unha achega de 90.000€ da Xunta de Galicia  

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa, Cristina Correa, supervisaron esta mañá a conclusión desta actuación, consistente na reconstrución da infraestrutura de paso e a adecuación dos accesos no lugar de Acevedo 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisaron esta mañá a conclusión dos traballos e o resultado final desta infraestrutura de paso

Fotos: X.G.



Infogauda / Loureza (Oia)

 A Xunta de Galicia e o Concello de Oia veñen de rematar as obras de reconstrución e mellora da pasarela colgante peonil sobre o río Carballas, na zona de Loureza, grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e a administración local que facilitou o financiamento da actuación cunha achega autonómica de 90.495€. 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisaron esta mañá a conclusión dos traballos e o resultado final desta infraestrutura de paso, que se reparou de xeito integral para corrixir o deterioro dos materiais, ao tempo que se adecuaron todos os accesos cara esta ponte nesta contorna do lugar de Acevedo, nas proximidades co límite co Concello do Rosal.

 A nova pasarela colgante, apta para a circulación de peóns e ciclistas, levantouse a partires da reconstrución da existente e sostense a través dunha solución de cables en suspensión enganchados a macizos de formigón, mentres que a plataforma entarimada elaborouse en material sintético para favorecer a súa durabilidade. En concreto, supera o río Carballas no punto quilométrico 7+000 da estrada autonómica PO-354. 

 “Vimos de acometer unha actuación importante no eido turístico, rubricada polo entón vicepresidente Alfonso Rueda o pasado mes de agosto, xa que recupera unha infraestrutura no interior do Concello de Oia que era moi empregada polos visitantes, posto que permite acceder a distintos enclaves con gran atractivo e ademais completouse cunha importante adecuación dos accesos con solucións que pretendemos que sexan duradeiras no tempo”, explicou o representante autonómico.

 Cómpre sinalar que este remozado recurso turístico sitúase nas inmediacións de Monte Redondo e Cova do Lobo, dous dos puntos interiores máis visitados de Oia e nos que se proxecta a creación dunha aula de natureza, e serve para seguir potenciando un municipio que é clave no percorrido do Camiño Portugués pola Costa e que cada recibe a milleiros de turistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario