ACIGAL retoma a súa actividade tras a pandemia, co obxectivo de promover o patrimonio galego
A VIII Asemblea Xeral celebrouse no Mosteiro de Santa María de Oia
Redacción / Oia
A Asociación de Mosteiros do Císter de Galicia celebrou o pasado luns 23, no Mosteiro de Santa María de Oia, a súa VIII Asemblea Xeral para acordar con todos os seus socios a súa volta á actividade.
Fundada en 2014 polos representantes dos mosteiros de Aciveiro, A Franqueira, Meira, Montederramo, Oia e Xunqueira de Espadanedo, aos que se uniron máis tarde Melón e Monfero, ten por obxectivo promover, difundir, fomentar, protexer e soster o patrimonio cultural cisterciense galego e a súa contorna, que compón o Itinerario Cultural das Abadías Cistercienses, aprobado oficialmente polo Consello de Europa o 7 de xuño de 2010.
Tras a edición da guía do Roteiro do Císter galega, continuarán traballando para promover este importante patrimonio cultural nun ámbito rexional e nacional, pero sobre todo europeo.
Ademais da renovación da xunta directiva, cuxa presidencia recaeu en Xoán Martínez, director do Real Mosteiro de Oia, acordouse e renovouse o compromiso de actuar como bloque nas accións derivadas da participación activa de varios mosteiros galegos, na Carta Europea da Abadías Cistercienses e nos proxectos transnacionais en curso que potencian a promoción e difusión do noso patrimonio.
Á Asemblea Xeral asistiron os socios:
Meira: Yoani Jartín, técnico de Turismo do Concello de Meira; Agustín Méndez, concelleiro de Cultura; e Miguel Asorey, párroco de Meira.
Montederramo: Antonio Rodríguez, alcalde, e Elvira, por parte do Concello.
Xunqueira de Espadanedo: Carlos Gómez, alcalde.
E por parte de Oia estivo como convidada a alcaldesa Cristina Correa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario