Máis de 500 escolares foron beneficiarios das actividades de prevención de condutas aditivas
Nos Centros Educativos neste Curso 2021/22
Infogauda / O Baixo Miño
A Asociación Érguete Baixo Miño fixo público no día de hoxe que vén de "rematar as actividades de prevención de condutas aditivas e de redución de riscos realizadas nos centros educativos da comunidade neste curso escolar."
Asemade, dende a xunta directiva de Érguete Baixo Miño refiren: "Realizáronse diversos talleres pertencentes aos Programas “Educación para a Saúde na Escola” e “Non pasa nada, pasa algo?” tratando diferentes contidos tendo en conta tanto as idades como as necesidades do alumnado.
A poboación destinataria ascende a 513 nenas/os e mozas/os, que recibiron como mínimo 4 horas de formación específica sobre esta temática, e tamén a 40 mestras/es.
Estes programas que se adaptan ás características e ás demandas dos participantes tratando aspectos fundamentais da saúde, teñen moi boa acollida por parte do alumnado e polos centros educativos. Unha educadora social, con ampla experiencia nesta área, foi a encargada de realizar estas actividades".
Estas actividades están financiadas pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socias e socios da entidade.
"Queremos agradecer a confianza e a implicación amosada polo profesorado da comunidade educativa nestes proxectos porque sen a súa colaboración estas actividades non se poderían realizar, abrindo un espazo moi valioso para o tratamento destas temáticas", recoñecen dende Érguete Baixo Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario