O Rosal vai coñecer a historia de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos’
Roberto Mera presentará o seu libro este venres 13 de maio ás 20.00 horas na biblioteca municipal. Entrada libre ata completar aforo
Infogauda / O Rosal
A
pesar do seu papel destacado na recuperación da dignidade das e dos españois
refuxiados perdedores da Guerra Civil e na súa evacuación a América cunha ética
estrita, a súa figura quedou un pouco esquecida co tempo. É Alejandro Viana, un
persoeiro que agora o político e escritor Roberto Mera recupera de forma
minuciosa no seu libro ‘Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos
refuxiados republicanos’, que presentará este venres 13 de maio a partir das
20.00 horas na biblioteca municipal do Rosal con entrada libre ata completar
aforo.
Trátase
do primeiro libro de Roberto Mera, que afonda na historia do seu bisavó cunha
pequena parte da súa biografía centrada fundamentalmente entre o anos 1939 e
1941, durante a Guerra Civil e o seu exilio en Francia, onde non só axudou ás
persoas refuxiadas con alimentación, roupa, sanidade ou onde durmir, senón que
tamén embarcou a máis de 17.000 refuxiados e refuxiadas españolas cara a
América. Mera vén de conseguir con este libro o Premio Antón Losada Diéguez na
categoría de Investigación e Ensaio.
A
alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que tamén participará no acto, convida a
toda a veciñanza a acompañar ao autor na presentación dun libro que busca
devolver á memoria a figura dun home que salvou moitas vidas co seu labor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario