O Rosal adxudica a instalación das caldeiras de biomasa na Casa do Concello e na Escola de Pancenteo
As obras, cun custo de máis de 125.000 euros, están cofinanciadas polo Instituto Enerxético de Galicia e fondos propios
Infogauda / O Rosal
Novos
pasos para facer do Rosal un municipio máis sostible. O Concello vén de
adxudicar a subministración e instalación de dúas caldeiras de biomasa para a
produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casas
Consistorial e na Escola Unitaria de Pancenteo, unha renovación que “permitirá
facer destes dous edificios catalogados por Patrimonio instalacións máis
respectuosas co medio ambiente”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández
Callís.
O
Concello inicia así un camiño cara a transformación paulatina do sistema de
calefacción dos edificios públicos nos que o emprego de combustibles fósiles
dará paso a outras formas de enerxía renovables. A renovación de caldeiras
comezará pola Casa do Concello e a Escola Unitaria de Pancenteo despois de que
un estudo pormenorizado do estado dos sistemas de calefacción das instalacións
públicas constatara que se trataban das caldeiras máis obsoletas e que se
atopaban ao final da súa vida útil.
O
uso desta nova fonte de enerxía nestas dúas instalacións “permitirá reducir as
emisións de CO2 á atmosfera e favorecerá a eliminación de materiais residuais
debido ao tipo de biomasa empregada”. “Avanzamos pouco a pouco cara a unha
maior sostibilidade e eficiencia enerxética, deixando de lado caldeiras de gasóleo
antigas e pouco eficientes por outras que proporcionarán unha maior eficiencia.
O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía
limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías
renovables”, destaca a rexedora.
As
obras de instalación, que contan coa autorización da Dirección Xeral de
Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, contarán cun investimento de máis de
94.000 euros para a caldeira da Casa do Concello e case 31.000 euros para a da
escola unitaria. En total serán máis de 125.000 euros cofinanciados con fondos
propios do Concello e polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta
de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do
Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario