16 de maio de 2022

ECONOMÍA

A FCM-CIG rexeita o preacordo do convenio estatal da construción porque precariza as condicións laborais do sector 

Denuncia a perda de poder adquisitivo e o feito de que CCOO, UGT e a patronal continúen a apostar pola contratación eventual 


Traballador do sector da construcción
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG amosou o seu rexeitamento ao preacordo sobre o VII Convenio Xeral do Sector da Construción que veñen de asinar os sindicatos CCOO e UGT e a patronal ao entender que precariza aínda máis as condicións laborais. Denuncian que o pacto traducirase nunha perda de poder adquisitivo dos salario, ao tempo que lamentan que se siga a insistir na contratación eventual. 

 Dende a central sindical critican que unha vez máis as negociacións entre os sindicatos estatais e o empresariado “dan o seu froito en menoscabo dos dereitos das persoas traballadoras do sector; as cíclicas actuacións de CCOO e UGT, totalmente entregados á patronal, non fan máis que afondar na situación de precariedade que sofre o persoal do sector, coa recentralización das negociacións en Madrid”. 

 Denuncian que o preacordo asinado precariza as condicións de traballo ao apostar polos contratos eventuais, “promocionando estes até límites moi difíciles de asumir”. Como no caso do contrato fixo-descontinuo, “no que están a poñer todo o seu esforzo”. Para a FCM-CIG este tipo de contrato “non ten sentido, posto que todas as persoas traballadoras serán reféns das empresas”. 

 Neste senso, detallan que esta modalidade de contratación permite -xa coa última reforma laboral- crear unha bolsa de contratación cun tempo máximo de chamamento-retorno ao traballo de tres meses. “Pois ben, a pretensión é empeorar aínda máis as condicións, eliminando o prazo de chamamento sen acotalo no tempo”. Polo que calquera operario/a pode atoparse nesta situación (bolsa de contratación) e á espera de ser chamado/a durante toda a súa vida laboral, sen nunca ser convocado/a. 

 Ao mesmo tempo, censuran que se aposte novamente polo empeoramento das condicións laborais das persoas máis novas ao darlle un novo pulo aos contratos de formación e prácticas, “facilitándolle man de obra barata ás empresas”. E que se promova a perda de poder adquisitivo, xa que a suba porcentual que anuncian estará supeditada á porcentaxe que destinen ao Plan de Pensións que pretenden crear. 

 Así, a porcentaxe na que verían incrementadas as nóminas estará minorada pola achega ao Plan. A suba asinada aínda será inferior, e seguirán perdendo poder adquisitivo engadíndolle ao anterior unha cláusula de revisión, sen atrasos, sen tomar en conta o IPC real e topado cun máximo”. Tamén critican que se renuncie ao Plus de Perigosidade dos empregados/as das mercantís de conservación e mantemento de estradas, “reivindicación recorrente deste sector pola que a FCM-CIG seguirá loitando”. 

 Segundo a central sindical con este pacto as partes garanten a continuidade dos seus “chiringuitos”. Crean unha nova formación para que siga subsistindo “o seu negocio en común”: a Fundación Laboral da Construción. As persoas asalariadas de arqueoloxía, instalacións de prefabricados, grúas torre e telescópicas, etc. “quedan na súa man, facéndolle pagar a formación que só permiten dar eles mesmos para poder optar aos diferentes postos”. 

 De igual xeito, o Plan de Pensións “deixa claro” que CCOO e UGT seguen a apostar polo desmantelamento das pensións publicas dignas. “Semella que teñen moitos intereses económicos neste tipo plans, tentando derivar diñeiro publico a mans privadas, comprometendo uns futuros incentivos polo Goberno que non se coñecen, cartos públicos que pertencen á cidadanía e cos que poderían dignificar as pensións públicas ou mellorar a saúde ou o ensino”. 

 Finalmente, inciden que tendo en conta da importancia do que se está a negociar en Madrid “as persoas traballadoras do noso país non poden quedar unha vez máis de costas, obrigándonos a saír á rúa a defender os nosos dereitos, a non renunciar a un salario digno, a unhas pensión públicas decentes”. Por iso consideran imprescindíbel que, coa FCM-CIG “como ferramenta para frear este atraco”, a clase traballadora galega lle faga fronte “a esta deriva dos sindicatos estatais, entregados ao poder, amarelos, e lles impida asinar o mesmo nos nosos convenios provinciais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario