O CONCELLO DE COVELO CONTARÁ CUN PUNTO DE INFORMACIÓN LGTBIQ+
En total, veranse beneficiados os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente, cun total de 3.257 habitantes de entre 15 a 44 anos; e 1.274 habitantes de entre os 15 e 39 anos
O alcalde do Concello de Covelo e a concelleira de Igualdade, co presidente Xermán Cordero Verde e o coordinador local, Alejandro Outerelos Lemos, no momento da firma do convenio
Infogauda / Covelo
A asociación Trans Miño contará cun punto de información LGTBIQ+ no edificio multiusos, sito na rúa Travesia de Vigo nº 11, do concello de Covelo. Para que iso sexa posible, esta mañá, tivo lugar na Casa do Concello a sinatura do convenio para a posta en marcha dese servizo no propio municipio.
Ao devandito acto asistiron o alcalde do Concello de Covelo e a concelleira de Igualdade, Juan Pablo Castillo Amigo e María José Valiñas Martínez, respectivamente; e por parte da Asociación Trans Miño LGTBIQ+ acudiron o presidente Xermán Cordero Verde e o coordinador local, Alejandro Outerelo Lemos.
"A firma deste convenio permitirá que a asociación Trans Miño empregue a sala multiúsos do edificio municipal onde se sitúa a biblioteca pública e o auditorio municipal para atender ás persoas LGTBI. O horario de atención ao público será os luns de 09:00 a 13:00 horas e os venres de 16:30 a 20:00 horas e dará servizo aos habitantes da comarca da Paradanta. A apertura deste novo punto de información súmase ao de Ponteareas e ao de A Guarda nos que dan cobertura ás persoas do Condado e do Baixo Miño, respectivamente", dixo o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo.
"Este punto de información que se abre hoxe, servirá para a orientación, intervención e asesoramento a veciñanza víctimas por a súa condición sexual ou orientación de xénero e fomentar a coeducación no ámbito dos dereitos humanos, promoción da saúde sexual, e prevención das enfermidades de transmisión sexual (ITS)", afirmou a este xornal dixital transfronteirizo, Xermán Cordero.
En total, veranse beneficiados os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente, cun total de 3.257 habitantes de entre 15 a 44 anos; e 1.274 habitantes de entre os 15 e 39 anos - segundo datos do Instituto Galego de Estatística -, sendo con esta poboación coa que se vai traballar máis, con campañas de prevención e sensibilización.
O centro de información contará co seguinte horario de atención o publico: Os luns de 09:00 a 11:00 horas, e os venres de 16:30 a 20:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario