13 de maio de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda propón á Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia 

Á candidatura da Medalla Emilia Pardo Bazán 

 

Mulleres traballando na realizaciónh de redes na nave do Portiño Novo, de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A actividade de atadeira - como decimos coloquialmente na vila de A Guarda - ou de redeira, como vén denominándose nos últimos anos o labor (creación e reparación de redes para pesca, principalmente, ainda que tamén producción de artesanía e complementos) que na nosa localidade realizan maioritariamente mulleres de diferentes edades; vai camiño de obter o merecido recoñemento. Ese é o propósito que desde o Concello de A Guarda se marcaron os representantes municipais, coa proposta de que a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, sexa candidata á Medalla Emilia Pardo Bazán.

 Desde o Goberno municipal, que preside Antonio Lomba Baz entenden que "a concesión desta medalla recoñecería non só os logros das redeiras de A Guarda, senón tamén a figura da muller do mar, porque os seus rostros son tamén os de todas aquelas mulleres, traballadoras e loitadoras incansables, que desde sempre estiveron aquí e alá, invisibles, pero indispensables."   

 As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta de Galicia creou en 2019 para recoñecer publicamente ás persoas, entidades e institucións que traballan en favor da igualdade efectiva, e o obxectivo das mesmas á visibilizar os talentos, e potenciar a visibilización social daqueles que están comprometidos coa igualdade entre mulleres e homes.  

 A Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia naceu en 2005 con obxectivos moi claros: "Erradicar o furtivismo, acadar a profesionalización do seu oficio e lograr un salario xusto e equiparado ao dos homes redeiros."    

 "Toda a loita que veñen desenvolvendo ata a actualidade xa deu os seus froitos, e é algo do que están moi orgullosas, porque a día de hoxe poden dicir que o seu oficio é menos “invisible”; xa esta recoñecido profesionalmente; cotizan para a súa xubilación; acadaron mellores condicións de traballo, pois agora son elas as que deciden os prezos polos que traballan; poden levar á casa ingresos dignos (e non un mero complemento ao soldo do marido, como pasaba antes); e teñen máis carga de traballo da que poden asumir, polo que o seu posto de traballo, de momento, está asegurado". afirman desde o Concello de A Guarda.  

 Asemade, "como mulleres loitadoras que son non deixaron nunca de pelexar polo que cren xusto, e aínda que se está lonxe de acabar co furtivismo ou chegar a esa equiparación laboral e salarial cos homes do seu sector, elas non cesan no seu empeño, e a día de hoxe teñen dentro da súa lista de obxectivos algúns máis como son que se lles aplique o coeficiente redutor do mar a efectos de xubilación; o recoñecemento das enfermidades laborais que lles afectan; e sobre todo conseguir que o seu oficio se perpetúe e siga vivo nas vindeiras xeracións.    

 Por todo isto, e por moitos outros méritos máis, consideramos xustas merecedoras desta distinción ás mulleres que forman parte da Asociación de redeiras Atalaia, esperando que a valoración do xurado sexa moi positiva."

Ningún comentario:

Publicar un comentario