SAN XEROME E EDUCACIÓN SEXUAL DE PERSOAS CON DIVERSIDADE INTELECTUAL: O PROXECTO EUROPEO SEXINLIFE A TODA VELA
Foto: A.S.X.
Infogauda / A Guarda
A Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda (Pontevedra), entidade promovida por nais, pais, familiares e amigos de persoas con diversidade intelectual, lidera o proxecto “SEXINLIFE – Mellorando a educación sexual das persoas con diversidade intelectual”, proxecto europeo cofinanciado polo Programa Erasmus+.
A sexualidade é unha fonte de enerxía de vida, necesaria para o crecemento e desenvolvemento de cada un de nós. Cando falamos das persoas con diversidade intelectual, en moitos casos é vista como unha ameaza. Está moi estendido o pensamento de que non van poder saber canalizar toda esta enerxía, que pode chegar mesmo a ser perigosa para eles mesmos ou para a súa contorna e en demasiadas ocasións vimos como se tentou pechar esa fonte impedindo o seu desenvolvemento.
Ao evitar que a sexualidade flúa de forma natural, impedir o acceso aos apoios necesarios para comprender e canalizar de forma positiva o seu desenvolvemento sexual, o que se consegue é poñer en crise o propio crecemento, toda esa enerxía non canalizada acaba explotando como un géiser e comezan a producirse as condutas sexuais inadecuadas.
A Educación Sexual permite a transmisión de información e coñecementos acomodados á capacidade de comprensión de cada unha/un; respostas pertinentes a todas as preguntas sempre en termos de verdade, utilizando as ocasións que se presenten espontaneamente na vida cotiá (tanto na escola como na casa). A educación sexual achégalle ao individuo as ferramentas e a formación necesaria sobre como canalizar a súa enerxía sexual, e permitir que esta fonte flúa de forma responsable e satisfactoria.
En 2019 San Xerome puxo en marcha o proxecto europeo SEXINLIFE, co obxectivo de intercambiar boas prácticas entre entidades afíns europeas, sobre a educación sexual das persoas con diversidade intelectual.
O proxecto permite aos profesionais ofrecer unha educación sexual de calidade nos seus centros de atención a persoas con diversidade intelectual. Permite ás familias ter elementos de referencia achegadas por outros iguais, outros familiares que transitaron polo mesmo espazo de inseguridade e medo. E coñecer en primeira voz os resultados de proporcionar oportunidades de vida ás súas fillas e fillos na voz das fillas e fillos doutros familiares. Ademais, permite ás persoas con diversidade que levan tempo sendo beneficiarios da educación sexual ter unha lanzadeira desde onde envorcar as súas experiencias de vida e doutra banda ás persoas que aínda non tiveron acceso a esta educación ter a posibilidade de que nos seus centros póidanse poñer en marcha e coñecer os recursos necesarios para desenvolver programas de educación sexual, completos, desde unha perspectiva sexológica.
O proxecto, liderado por San Xerome, é compartido con outras 4 entidades europeas: a Associacâo de paralisia cerebral de Viseu (Portugal), a Associazione Pegaso Onlus (Italia), a Stowarzyszenie na Rzecz Spoldzielni Socjalnych (Polonia) e o IMS Research & Development Centre (Chipre). Todas comparten unha necesidade: desenvolver Programas de educación sexual para persoas con diversidade intelectual, en territorios con escaso ou nulo desenvolvemento da devandita temática, de importancia fundamental.
A pasada semana celebrouse en Poznan (Polonia) a 3ª reunión internacional do Comité de Coordinación de proxecto, onde as 5 entidades socias organizaron conxuntamente as últimas actividades previstas no mesmo: o lanzamento do Manual de Educación sexual para persoas con diversidade elaborado en 5 idiomas; a publicación dun Banco de Recursos audiovisuais para profesionais; e, a actividade estrela do proxecto: a realización dunhas xornadas piloto de Formación en Educación sexual, onde 15 persoas con diversidade de 5 países diferentes realizarán unha semana intensiva de Formación en Educación sexual, baseada na metodoloxía desenvolvida no proxecto. Estas xornadas terán lugar en Viseu (Portugal) do 01 ao 05 de xuño 2022.
Ningún comentario:
Publicar un comentario