“Non é un caso illado, é o patriarcado!”
A CIG mobilizouse no SMAC en Vigo coincidindo co o acto de conciliación da demanda polo despido dunha traballadora acosada tras quedar embarazada
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG mobilizouse hoxe diante do SMAC en Vigo ao berro de “Non é un caso illado, é o patriarcado!” coincidindo co acto de conciliación previo ao xuízo no que a central sindical reclama a nulidade do despido dunha traballadora vítima de acoso laboral por razón de xénero por parte da empresa Termocalor de Vigo, cuxo contrato foille rescindido recentemente tras rematarlle a redución de xornada por garda legal. O xuízo terá que celebrarse finalmente despois de que a compañía se negase a calquera tipo de acordo.
O Tribunal Supremo confirmara en 2019 a sanción administrativa de 20.000 euros imposta Termocalor como responsábel do acoso, que se iniciara nada máis a empregada comunicarlle ao seu xefe que se atopaba en estado. Na sentenza do TS recoñecíase a veracidade do acoso entre os anos 2008 e 2010, situación que continuou até que a traballadora foi despedida o pasado 10 de marzo tras finalizar a redución de xornada, unha vez que o seu fillo cumpriu 12 anos. Daquela, asesorada pola CIG, lograra que lle restituísen o horario e traballaba só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3.000 euros por danos e prexuízos.
O acoso iniciárase nada máis comunicar na empresa o primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, relatara entón.
O propietario de Termocalor, Ramón Argudín, propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar a indemnización correspondente e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto, polo que comezou unha campaña de acoso laboral contra ela que foi recoñecido polos tribunais e ratificado polo TS tras os sucesivos recursos presentados pola empresa.
Mais agora, unha vez rematada a redución de xornada, optou por rescindirlle o contrato aludindo a supostas causas disciplinarias, cando en realidade responde a unha represalia, constituíndo unha clara vulneración dos seus dereitos fundamentais. Diante disto, a CIG xa presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido e convocou a mobilización desta mañá coincidindo co acto de conciliación no SMAC.
Ao remate da protesta, a secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, incidiu que con esta concentración contra o acoso machista a central sindical quere amosarlle todo o seu apoio a unha traballadora “valente, que leva anos sufrindo un acoso constante e continuo polo único feito de decidir ser nai” e visibilizar e denunciar “unha situación que, por desgraza, segue a ser moi común nas empresas; porque non é un caso illado, é o patriarcado”.
Mariño sinalou que son moitas as traballadoras que, unha vez deciden ser nais, “deixan de ser traballadoras exemplares a ollos do capital ou quedan sen oco nas empresa porque as súas capacidades de traballo xa non se teñen en conta e pasan a ser un estorbo; non asumen que non somos a súa propiedade e que podemos decidir sobre a nosa vida”, lamentou.
Ao mesmo tempo, censurou que Termocalor non desista na súa actitude “tras tantos anos de violencia psicolóxica contra ela, illamento, minusvaloración, ridiculización e un longo etcétera” e despois das sancións impostas pola Inspección de Traballo contra a empresa por acosala, “recoñecendo que a única motivación deste ostigamento é a súa maternidade”.
A responsábel sindical esixiu a fin da violencia machista no traballo “porque ningunha traballadora se ten que ver ante un despido por ser nai ou querer conciliar, nin ver as súas posibilidades de ascenso o mellora da carreira profesional frustradas, nin ser relegada a un posto de menor cualificación, nin ser illada, invisibilizada, ridiculizada ou esquecida”.
Para isto, reclamou a adopción de medidas reais e efectivas que fagan que este tipo de condutas desaparezan das relacións laborais. “Que a Inspección de Traballo actúe de xeito urxente a contundente, que os xulgados traten o acoso por razón de sexo con urxencia e rigor -porque se é machista non é xustiza- e que a sociedade deixe de ser permisiva e tolerante con empresas que acosan as súas traballadoras”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario