CORREOS PON EN VALOR A PROVINCIA COA EMISIÓN DUN SELO COA CATEDRAL DE TUI COMO “ELEMENTO DE COÑECEMENTO E ATRACCIÓN”
A peza ten unha tirada de 215.000 exemplares e nela pode verse o claustro da Catedral de Santa María xunto ás iniciais de Pontevedra Provincia
Infogauda / Tui
O patrimonio cultural, artístico e monumental da provincia de Pontevedra está a viaxar xa nos envíos postais de Correos a través dun selo enmarcado na serie filatélica “12 meses. 12 selos” no que se recolle unha imaxe do claustro da Catedral de Tui xunto ás iniciais da provincia (PO). A peza, que conta cunha tirada de 215.000 exemplares, foi presentada no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra nun acto ao que acudiron a presidenta provincial, Carmela Silva, a directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos, Leire Díez, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que realizaron deforma conxunta o cuño de honra deste selo baixo a mirada de representantes de Correos e da Federación Galega de Sociedades Filatélicas. Trala presentación, Leire Díez asinou o libro de honra da Deputación e foi agasallada coa escultura dunha camelia da artesá Ana Tenorio.
Carmela Silva manifestou publicamente o seu afecto por Leire Díez, a quen lle deu unha aperta “emocionante”, e por Enrique Cabaleiro, “un home que defende a Tui por riba de todo”. Na mesma liña agradeceu o traballo levado a cabo pola Sociedade Filatélica de Tui e puxo en valor a “sensibilidade de Correos por crear selos que forman parte da nosa memoria e da nosa vida”. Para a presidenta “os selos ensináronos a espertar o interese polo coñecemento ademais de ser o instrumento que demostraba que nos podíamos comunicar. Do mesmo xeito -resaltou- tamén son un elemento de atracción que fará que cando a xente vexa este selo, con este claustro tan marabilloso, queira vir a esta provincia”. Isto permitirá ás persoas ter “unha mirada ampla e plural que fará un mundo mellor”.
A directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos, Leire Díez, tamén amosou o seu agarimo a Carmela Silva e a toda a provincia de Pontevedra “que con este selo vai a visitar moitísimos lugares e, como apuntaba a presidenta, a xente seguirá recortándoo e gardándoo xunto ao contido das cartas para atopalo dentro de moitos anos e lembralo con cariño”. Díez puxo sobre a mesa a importancia que teñen para Correos “todas as sociedades filatélicas, que nos están axudando a difundir cultura, patrimonio, costumes ou etnografía de lugares que quedarán nos nosos recordos”. Así, da man das asociacións “seguiremos traballando para amosar a beleza que teñen todas as provincias como a de Pontevedra que -matizou- é unha das máis bonitas, sen dúbida”.
O alcalde Enrique Cabaleiro tivo palabras de agradecemento tanto para a Deputación como para Correos “por esta feliz iniciativa” que permite que unha das “xoias patrimoniais” da cidade de Tui teña o seu propio selo impreso. O alcalde tamén fixo un “merecido recoñecemento” ao Grupo Filatélico de Tui “que leva moitos anos traballando para que a cidade de Tui teña este recoñecemento” e lembrou outros selos que se teñen impreso con motivos deste concello como “o do pórtico gótico da Catedral ou o da Ponte Internacional Tui-Valença”.
O selo “12 meses. 12 selos. Pontevedra” comezou a emitirse o 3 de xaneiro e permite franquear unha carta normalizada con destino a calquera provincia do Estado. Así mesmo, para facelo máis visible, estase a ofrecer de forma preferente en todas as oficinas da provincia de Pontevedra para realizar este tipo de envíos.
Unha provincia de selo
A provincia de Pontevedra conta con innumerables espazos dignos de ser representados en selos. Deste xeito, na tarde de hoxe tamén se presentou no concello de A Guarda un selo dedicado ao Monte de Santa Trega dentro da colección de Correos “Naturaleza” que recolle unha das construcións do castro coas vistas que se poden admirar dende o monte. Así, os dous selos presentados hoxe súmanse ás preto de 30 emisións realizadas por Correos con motivos de Pontevedra provincia como as que renderon homenaxe ao Pazo de Fefiñáns de Cambados (1965), a da ponte de Rande (1981), a da Denominación de Orixe Rías Baixas (2002) ou a do cruceiro do Hío (2002).


Ningún comentario:
Publicar un comentario