A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DE TOMIÑO SOLICITA O APOIO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE TOMIÑO
A manifestación convocada por todas as plataformas en defensa da sanidade pública da área sanitaria de Vigo, baixo o lema “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA. RECUPEREMOS A SANIDADE PÚBLICA”, para o XOVES 12 DE MAIO DE 2022 EN VIGO
Aos/Ás Representantes dos Grupos Municipais da Corporación Municipal do Concello de Tomiño
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área sanitaria de Vigo, en nome de todas as plataformas en Defensa da Sanidade Pública desta área e Rubén Muñoz Alonso en representación da mesma e da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Tomiño, con D.N.I. ***861**W, correo electrónico e teléfono móbil (omitidos pola Redacción de Infogauda), a efectos de notificación, diríxelles este escrito para solicitar que na vindeira sesión plenaria sexa presentada e levada a aprobación polo conxunto da Corporación a seguinte Proposta:
Declaración institucional da Corporación Municipal do Concello de Tomiño en apoio e defensa da Sanidade Pública
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Antes da pandemia da Covid-19, a Atención Primaria e Hospitalaria, atravesaba unha profunda crise estrutural, con demoras e masificación da asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular.
A crise da Pandemia por Covid-19 e a súa patoloxía, significou a paralización da actividade Asistencial tanto da Atención primaria como da Hospitalaria, por medo a que colapsara o hospital, o que determinou non só postergar a actividade asistencial preferente e crónica, senón tamén a actividade cirúrxica non urxente, co incremento das demoras, tanto en consultas como en probas complementarias, así como as listas de espera cirúrxicas. Estímase que en Galicia paralizáronse ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas.
Ao mesmo tempo a administración limitou o acceso aos Centros de Saúde, substituíndo a consulta presencial pola telefónica e reduciu o aforo das salas de espera obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención.
Estas actividades hai que recuperalas o antes posible, para evitar o deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.
Durante eses meses, os traballadores e as traballadoras da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía a súa labor desenvolvida en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsase medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como manifestan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais.
Por unha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender, con tempo, @s pacientes.
A nosa Atención Primaria continúa marxinada a pesar das continuas esixencias dos traballadores dos Centros de Saúde, co apoio da cidadanía, de máis persoal de todas as categorías, de maior investimento, do final das trabas de acceso ás probas diagnósticas ou da mellora da accesibilidade ás especialidades hospitalarias. Os Centros de Saúde seguen sometidos a unha dirección centrada no hospital, que so foi modificada de xeito nominal, e que non permite que a Atención Primaria poda xestionar o seu orzamento e os seus recursos humanos.
Mentres tanto as consultas seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día, e os PACs seguen recibindo unha presión asistencial tamén insoportable, e nestas condicións non teremos nin profesionais da medicina de familia nin da pediatría que queiran traballar na nosa Área.
Por unha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.
Na Atención Hospitalaria, os recortes de recursos introducidos pola Xunta no novo Hospital Álvaro Cunqueiro e a renovación do Concerto co Hospital POVISA fan que a Área de Vigo teña a maior lista de espera cirúrxica de toda Galicia (12% superior), aínda ocultando ás persoas que están pendentes de cita ou as que están nunha lista que chaman “non estrutural”.
As limitacións producidas polos axustes de persoal fan que os “ratios” (número de paciente por profesional) do persoal sanitario e non sanitario sexan insuficientes para unha atención de calidade, situación que o propio persoal suple coa súa entrega e profesionalidade. Esta falta de recursos explican as dificultades que padecemos periodicamente nas urxencias hospitalarias ou que persistan os problemas de acceso dos pacientes derivados de Atención Primaria á Atención Hospitalaria.
Por unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.
Xunto a todo isto, o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas, fai aínda máis difícil ofrecer unha atención sanitaria de calidade, e condena á emigración as e os profesionais formados que queren acadar empregos dignos.
Contra o incremento da privatización e da inequidade.
O deterioro da Atención Primaria, provocado pola precarización e a falta de profesionais, ten como consecuencia o incremento das barreiras de acceso e favorece á privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da inequidade.
Hai que salvar a Atención Primaria e recuperar a Sanidade Pública o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.
É por todo o exposto, a través da Corporación Municipal como máximo órgano de representación popular, en Tomiño ACORDAMOS:
1. Dirixírmonos e instar á Consellaría de Sanidade: a) Á implantación de forma inmediata dunha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo @s pacientes.
b) Á implantación de inmediato dunha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.
c) Á adopción das medidas estruturais precisas para ter unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.
d) Á contratación para rematar coa precariedade laboral do persoal, aplicando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura as necesidades de saúde da poboación.
e) Ao desenvolvemento dos instrumentos de participación cidadán na sanidade, tan necesarios, para que a cidadanía exprese a súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.
2. Apoiar activamente a manifestación convocada por todas as plataformas en defensa da sanidade pública da área sanitaria de Vigo, baixo o lema “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA. RECUPEREMOS A SANIDADE PÚBLICA”, para o XOVES 12 DE MAIO DE 2022 EN VIGO.
En Tomiño, a 14 de Abril de 2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario