22 de abr. de 2022

PONTEVEDRA

O PAZO PROVINCIAL PRESENTA MAÑÁ SÁBADO O LIBRO ‘XOSÉ VELO. TEXTOS ESCOLLIDOS’ CO MATERIAL INÉDITO DO ‘LIBERTADOR’ ADQUIRIDO POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Estrearase tamén un documental sobre o secuestro do buque Santa María, feito que fixo que Kennedy abordase as ditaduras de Franco e Salazar  no seu primeiro discurso como presidente dos EE UU. A entrada é libre ata completar capacidade 


Xosé Velo Mosquera
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Coincidindo co Día do Libro e ao abeiro do aniversario de Xosé Velo Mosquera -celebrado o pasado xoves 21- o Pazo Provincial da Deputación en Pontevedra acollerá mañá sábado a presentación do libro 'Xosé Velo.Textos escollidos', unha escolma de escritos inéditos do dirixente antifranquista seleccionados de entre todo o material adquirido recentemente pola institución provincial.

 O obxectivo da Deputación con este acto é rescatar e divulgar a memoria da figura de Velo, un home que se alzou no seu momento contra as ditaduras da península (con Franco á fronte do goberno de España e Salazar á fronte de Portugal) nun proxecto singular: o secuestro do buque Santa María, convertido no Santa Liberdade, que provocou que Kennedy fixera alusión á situación política ibérica no seu primeiro discurso como presidente dos EE UU

 O acto, contará tamén coa estrea do documental 'Xosé Velo. O libertador ibérico', financiado pola Deputación baixo a dirección de Arraianos Producións. Será no salón de Plenos da Deputación de Pontevedra ás 11.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade. Haberá participación musical de 'aMar&Dar' que iterpretarán temas do espectáculo 'Cantar Abril' do Zeca Afonso.

 As negociacións para dispoñer do arquivo de Pepe Velo que deron lugar ao libro e ao documental pecháronse a finais de 2019 por parte da Deputación coa mediación de Aser Álvarez. O material non chegou a Pontevedra ata case entrado o confinamento e dende entón fíxose un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados en aberto tamén a través do portal documental 'Atopo' por persoal investigador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario