O Rosal homenaxea a Daniel Fornos e Generoso Pérez pola súa loita contra as velutinas
Os dous apicultores recibiron unha placa polo seu labor durante o Concerto de primavera da Agrupación Musical do Rosal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A vespa velutina vai conquistando pouco a pouco máis terreo en Galicia e convértese nun problema cada vez maior non só para a apicultura, senón para todo o medio ambiente. Na loita contra esta especie invasora asiática no Rosal os apicultores Daniel Fornos Castro e Generoso Pérez Correa teñen desempeñado un importante labor nos últimos anos, tanto polo seu traballo de protección das abellas autóctonas, como polo de detección e retirada de niños de velutinas ou pola súa implicación en todas as campañas municipais contra esta especie.
Por todo este traballo, o Concello do Rosal rendeu esta fin de semana homenaxe a Daniel e Generoso nun acto celebrado durante o Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal, actuación que tivo grande éxito e esgotou todas as entradas.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, fíxolles entrega dunha placa “nun acto moi emotivo para dúas persoas que dedicaron tantos ano ao grupo de apicultores voluntarios para mellorar a nosa contorna e para loitar cada ano contra esta especie invasora colocando trampas e retirando niños”. A rexedora quixo destacar que Daniel despois de ser carteiro e voluntario agora pasa a ser lutier da Agrupación Musical do Rosal facendo as canas de fagot, instrumento que toca o seu neto na Escola de Música.
Unha das últimas campañas levadas a cabo polo Concello coa colaboración dos apicultores foi a posta en marcha dun vídeo titorial que se distribuíu nos centros educativos do Rosal, a través da web e das redes sociais municipais para explicar como crear de xeito fácil e sinxelo unha trampa coa que atrapar estas vespas, ademais de facilitar os materiais máis difíciles de preparar para que as familias rosaleiras puideran crealas nas súas casas.
A vespa velutina supón unha seria ameaza para a biodiversidade en Galicia, xa que as abellas melíferas son o principal alimento para este depredador. Só durante o ano pasado, no marco do plan de loita contra esta especie retiráronse máis de 10.000 niños, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña, as máis afectadas pola invasora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario