Alfonso Rueda asiste á Festa da Lamprea de Arbo, consolidada nas súas 62 edicións como un importante reclamo turístico para Galicia
A celebración está considerada Festa de Interese Turístico Nacional desde 2016 e contribúe a potenciar o turismo gastronómico na comunidade
Infogauda / Arbo
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, asistiu hoxe á LXII Festa da Lamprea de Arbo, onde destacou o papel clave das festas gastronómicas para promocionar a calidade dos produtos galegos consolidar o turismo gastronómico. Tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández-Tapias, respectivamente.
Alfonso Rueda participou na inauguración oficial do evento, onde destacou que a Festa da Lamprea convértese cada ano nun importante reclamo turístico e permite descubrir o resto de atractivos do municipio. Nesta liña, a Xunta aposta polas celebracións gastronómicas tradicionais coma esta que xeran experiencias turísticas únicas e personalizadas, mesmo vinculadas a outros ámbitos como a natureza ou o patrimonio, axudando a reforzar a oferta turística diferenciada de Galicia.
Cómpre lembrar tamén que esta semana o Consello da Xunta acordou declarar Festa de Interese Turístico de Galicia a Festa da Lamprea Seca de Arbo, outra das festividades máis arraigadas no concello e outra cita imprescindible para dar a coñecer este produto. Xunto coa Festa da Lamprea neste mes de abril, na primeira quincena de agosto conmemorase na Carballeira de Turdela a Festa da Lamprea Seca, á que se lle recoñece a súa singularidade polo mantemento da tradición do secado deste peixe para a súa conservación todo o ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario