Tomiño reivindica de xeito colectivo e unánime a igualdade no Día Internacional da Muller
Alumnas do IES Antón Alonso Ríos leron poemas de tres autoras feministas de diferentes países
A alcaldesa, Sandra González, foi a encargada de rematar a lectura da declaración institucional e agradeceu a participación de todos os colectivos presentes
Fotos: C.T.
Nunha mañá de ballóns intermitentes, Tomiño foi quen de conmemorar o Día Internacional da Muller. Na Praza do Seixo, a carón do Concello, cuxa fachada vestía unha lona alusiva ao 8M, representantes dos tres partidos políticos que forman a corporación municipal (BNG, PP e PSdG-PSOE), Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e coordinadora dos servizos sociais, deron lectura á “Declaración Institucional con motivo do 8 de marzo, día Internacional dos dereitos da muller”.
“Novamente, os
grupos políticos con representación no Concello de Tomiño, veñen a mostrar a
súa unidade con motivo do 8 de marzo; Día Internacional dos dereitos da muller.
Este ano
2022, a Organización das Nacións Unidas escolleu o lema a Igualdade de xénero
hoxe para un mañá sostible , recoñecendo os esforzos de mulleres e nenas
para un futuro máis sostible”,
comezou a lectura a concelleira de Igualdade e Benestar, Cristina Martínez.
Así, todos os grupos políticos do Concello foron deixando constancia do seu compromiso común coa igualdade plena, efectiva e real entre mulleres e homes. E a tal efecto, acordaron, entre outras accións, organizar campañas permanentes de concienciación social e sensibilización en favor da igualdade; traballar na visibilización e posta en valor do papel das mulleres nos distintos eidos, especialmente nos eidos científicos e de novas tecnoloxías; recoñecer ás achegas das mulleres rurais no desenvolvemento social e económico; afondar no compromiso para a posta en marcha de iniciativas municipais e medidas dirixidas á mellora da prevención, detección e abordaxe da violencia de xénero, e axilizar a creación dun CIM (Centro de Información á Muller) para Tomiño e Tui.
A alcaldesa, Sandra González, foi a encargada de rematar a lectura da declaración institucional e agradeceu a participación de todos os colectivos presentes (membros da corporación municipal, Asociación Vontade, Centro de Día, IES e veciñanza en xeral), salientando a importancia de enfrontarse ao tema da igualdade e da violencia de xénero de xeito colectivo.
Seguidamente, a chuvia obrigou ás persoas presentes a desprazarse até o Mercado Municipal, en cuxo 2º andar, tivo lugar a lectura de poemas por parte de catro alumnas de 1º de Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos. Maika, Iria, Aylen e Lorena leron poemas das escritoras Rupi Kaur (Punyab. India), Marguerite Annie Johnson, máis coñecida como Maya Angelou (Misuri. EE.UU.) e Mª do Cebreiro Rábade Villar (Galicia. España). María Fernández ao clarinete e o profesor Luis Lechuga á guitarra, puxeron a nota musical. E Laura Calvo foi a autora dos retratos das autoras que as súas compañeiras amosaban durante a lectura poética.
Ningún comentario:
Publicar un comentario