2 de feb. de 2022

TURISMO

A subdelegada do Goberno subliñou o interese do Executivo por Tui, que se traduce en proxectos que suman 1,5 millóns de euros 

Maica Larriba saúda a iniciativa de dinamización turística a través do Miño no sur da provincia  

· A subdelegada do Goberno en Pontevedra asistiu hoxe á inauguración da nova oficina de turismo de Tui, financiada no marco do proxecto “Río Miño navegable”

 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu hoxe á inauguración da nova oficina de Turismo do Concello de Tui. No acto participaron tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias

Foto: S. de G.

 Infogauda / Tui 

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu hoxe á inauguración da nova oficina de Turismo do Concello de Tui. No acto participaron tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias.  

 Durante a visita ás novas instalacións, a subdelegada do Goberno quixo felicitar ao alcalde de Tui por “leva a cabo esta iniciativa que apuntala o crecemento turístico do sur provincia e que se enmarca nun proxecto máis amplo, “Río Miño, destino navegable”, financiado con fondos europeos e que consolida o río Miño como un valor engadido para as cidades da súa contorna”.  

 Asemade, durante a posterior visita ao casco vello da localidade, a subdelegada puxo de manifesto a importancia desta vila como axente de dinamización turística no Baixo Miño. “Tui é a porta do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e a súa relevancia histórico-patrimonial é hoxe un elemento catalizador do desenvolvemento económico da comarca do Baixo Miño. E neste sentido, desde o Goberno de España estamos a traballar por preservar o seu valor con proxectos que suman unha inversión superior ao 1,5 millóns de euros”, explicou.  

 Maica Larriba citou, entre outras, as iniciativas que desenvolve o Executivo na cidade, como a vinculada ao museo catedralicio de Tui, o plan de rehabilitación de vivendas no casco histórico ou a posta en valor do Cárcere Vello, que está enmarcada no Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22.   

 A subdelegada do Goberno destacou tamén a actuación na estrada N-551 que, cunha inversión de 500.000 euros, permitirá humanizar a entrada en España do Camiño Portugués.  

 No que respecta ao museo catedralicio de Tui, trátase dunha actuación vinculada ao 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e que conta cun orzamento total de 586.000 euros, dos cales o Goberno aporta 440.000 euros.  

 En canto ao plan de vivenda, o investimento ascende no casco histórico da localidade a 48.400 euros. Así mesmo, a achega do Goberno para a recuperación do Cárcere Vello co obxectivo de crear un centro de acollida de visitantes e peregrinos ascende a 400.000 euros. 

 “En definitiva, unha serie de inversións que evidencian o compromiso do Goberno coa provincia de Pontevedra e, en concreto, coa de Tui, o seu patrimonio e o seu desenvolvemento turístico”, explicou a subdelegada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario