2 de feb. de 2022

REDONDELA

A CIG denuncia a baixa temeraria no custe da concesión do  contrato do SAF de Redondela por criterios económicos 

Advirten de que o único xeito que a empresa ten para facer rendíbel  o servizo é precarizando as condicións de traballo do persoal 


Protesta de persoal diante do Concello de Redondela
Foto: CIG

Infogauda / Redondela

 A CIG denuncia que a mesa de contratación do concurso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do  Concello de Redondela deu por boa a oferta da empresa Os Ventos Innovación e Sevicios de  15,56€/hora, tan só un céntimo por riba da consideración de “oferta temeraria” (15,55€/hora), cando o  prezo de licitación se estimaba en 18,70€/hora.  

 Dende a sección sindical da central nacionalista no SAF redondelán consideran totalmente insuficiente a oferta presentada pola empresa, cun prezo por debaixo do que se abona na actualidade, tendo en  conta que o IPC real de 2021 foi do 6,5%.  

 Mais a mesa de contratación deu o seu visto bo a esta adxudicación defendéndoa como a máis  interesante para o Concello, poñendo o criterio económico po enriba de todo e non tendo en conta o  prezo convenio que se lles debe aplicar ao persoal, antepoñendo o valor económico á calidade do  servizo. 

 En consecuencia, a única maneira de que a empresa faga rendíbel economicamente o servizo vai ser a  costa das profesionais, “non cumprindo co convenio colectivo, reducindo as condicións económicas e  sociais do persoal e mermando a calidade do servizo que se lle presta ás persoas usuarias”. 

 Por iso dende a sección sindical da CIG no SAF adiantan que non van consentir que se poñan en perigo  os postos de traballo nin a calidade do servizo, e advírtenlle ao Concello que este servizo “non pode ser  nunca unha mera cuestión económica, senón que se teñen que ter en conta as persoas usuarias e as  familias”. Neste senso, critican que un Goberno “que se di progresista e de esquerdas” lle dea máis  valor ao custe económico que a un servizo esencial “e que poña en risco os postos de traballo e os  precarice sen ningún escrúpulo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario