15 de feb. de 2022

COTOBADE

O ALUMNADO DO IES COTOBADE ACHÉGASE Á MEMORIA HISTÓRICA DA MAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Este mércores represéntase a peza teatral ‘A señora de Forcadela’ baseada na vida da mestra Josefa García Segret


Tero Rodríguez, nun momento da representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela’
Foto: D.PO.

Infogauda / Cotobade (Pontevedra)

 O alumnado do IES Cotobade participará este mércores nunha das actividades sobre memoria histórica que a Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O pasado por vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino. O instituto acollerá a representación da peza teatral A señora de Forcadela, que permitirá á xente moza achegarse dunha maneira diferente ás vivencias vividas pola cidadanía durante a represión e a ditadura. 

 ‘A señora de Forcadela’ é unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36:  foi detida o 15 de agosto e na prisión de  Tui salvou a vida grazas á axuda do médico forense e dun doutor. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle  conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.  


‘Abajo las dictaduras!!’, libro de Josefa García Segret

 En 1982, Josefa García Segret publicou un libro  autobiográfico titulado ‘Abajo las dictaduras!!’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.  

 A peza teatral será representada ás 13 horas pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns’, contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade.  

 Ademais desta actividade, solicitada directamente á Deputación polo IES, este xa celebrou a pasada semana a charla ‘A represión contra as mulleres tras o golpe’ da man da autora Montse Fajardo. Todas estas iniciativas están dispoñibles no catálogo de actos de memoria de ’O Pasado Por Vir’ (na web arquivos.depo.gal), e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica na axenda cultural e no debate público.  

 A deputada de Memoria María Ortega sinala a súa satisfacción polo feito de que centros de ensino estean interesados en abordar a memoria histórica co seu alumnado, xa que “achegar ás persoas máis novas esta temática é un desafío”. Apuntou que “creo que dende as institucións comprometidas debemos avanzar na idea preconcibida de que a memoria é un tema que non interesa á rapazada e apostar por un diálogo interxeneracional que lles permita un maior coñecemento e implicación”, destaca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario