28 de feb. de 2022

A GUARDA

O concello de A Guarda felicita a Alicia González Álvarez 

Con motivo do seu 100 aniversario  


Alicia González Álvarez - no centro da imaxe - recibindo uns agasallos conmemorativos que lle entregaron o alcalde e a tenente de alcalde de A Guarda, en presenza de Sergio e Carmen María Castro González, fillos da entrañable centenaria de Os Teares

Fotos: C.A.G.




Infogauda / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, visitaron este domingo 27 de febreiro, a Alicia González Álvarez para felicitala polo seu 100 aniversario. 

 Alicia, muller animosa e faladeira, memoria viva do barrio da Cruzada, compartiu, en compañía dos seus fillos Sergio e Carmen María, uns momentos de conversa cos representantes do concello, cos que conserva unha excelente relación. 

 Durante a conversa fixo numerosas referencias ao seu admirado tío Brasilino Álvarez Sobrino, que foi alcalde de A Guarda e benefactor do barrio. 

 Alicia Gonzalez fai gala dunha memoria prodixiosa. “De cabeza estou ben, o malo son os ósos”, afirma sorrindo. 

 Durante a visita fixo un repaso das principais tarefas e experiencias que ela, como outras moitas mulleres da mariña de A Guarda, tivo que enfrontar durante a súa vida: dende a case esquecida actividade de petar a casca para curtir as redes; ir ao monte a por frouma ou feito; a praia ao argazo ou tender as redes a secar. “Unha vida de moito traballo pero divertida”, segundo ela, porque como engadiu, “divertido é estar facendo cousas continuamente. O peor é estar parada”. 

 Coa súa natural xovialidade, Alicia González Álvarez logra arrancar un sorriso dos que a escoitan cando insinúa que os 100 anos lle pasaron moi rápido, como ela di: “Parece mentira”

 Os representantes municipais quixeron facerlle unha homenaxe a Alicia desexándolle un feliz aniversario e que siga desfrutando da vida como ata agora. Entregáronlle uns pequenos agasallos e a familia mostrouse moi agradecida polo seu recoñecemento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario