7 de xan. de 2022

VIGO

Amplo seguimento da folga convocada en Bosch de Vigo para  rexeitar unha nova precarización das condicións de traballo 

Un nutrido grupo de empregadas/os mobilizouse hoxe diante das  instalacións da compañía coincidindo coa segunda xornada de paros 


Un nutrido grupo de traballadoras/es mobilizouse hoxe diante das  instalacións da empresa en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A folga convocada en Bosch para rexeitar a intención da empresa de precarizar aínda máis as condicións laborais de boa parte do cadro de persoal está a ser amplamente secundada polo cadro de persoal, sobre todo nos dous  departamentos afectados. Coincidindo coa segunda das tres xornadas de paros previstas -que rexistrou igual que a  primeira un seguimento de entre o 80 e o 90%-, un nutrido grupo de traballadoras/es mobilizouse hoxe diante das  instalacións da empresa en Vigo.  

 O comité de empresa de Bosch (12 delegadas/os da CIG, 5 de CCOO, 5 de UGT e 1 independente) optou por  convocar tres días de paros este mércores 5, o venres 7 e o vindeiro luns 10 de xaneiro tras consultar co cadro de  persoal nas distintas asembleas telemáticas que se levaron a cabo nos últimos días, tendo en conta que boa parte  dos empregados/as atópanse en situación de teletraballo como consecuencia da pandemia. 

 O principal motivo, segundo explica o presidente do comité, Xulio Paramos, da CIG, ten que ver coas pretensións da compañía do sector dos centros de chamadas de impoñer unha modificación substancial das condicións de traballo  a 400 persoas tras verse obrigada a retirar o ERE que pretendía aplicarlle a 90.  

 A empresa xustificou este intento de despedir 90 persoas nunha suposta adaptación do persoal ás necesidades dun servizo pendente de concurso, de xeito que a medida afectaría a 50 traballadoras/es dun departamento e a 40 de  outro, que segundo Bosch sobrarían para facerse cargo dun servizo que Vodafone vai licitar. 

 Pero nada máis iniciar as negociacións do ERE a representación sindical desmonta esta argumentación, “xa que non poden aplicar un ERE en base a futuríbeis, tendo en conta que aínda non sabe se vai resultar adxudicataria do  servizo”, sinala Paramos. Entón a compañía decide retirar o ERE, pero presentan unha modificación substancial das  condicións de traballo para todo o persoal dos dous departamentos. 

 “A medida inclúe cambios nas quendas horarias e a aplicación de máis reducións de xornada, ademais de non respecta nin sequera a concreción horaria por garda legal de crianzas ou maiores dependentes a cargo”, denuncia. En consecuencia, o  comité anunciou que non vai aceptar unhas modificacións que supoñen “precarizar aínda máis as nosas condicións de  traballo” e optou por promover a convocatoria de tres días de folga e da mobilización celebrada hoxe de 12:00 a 13:00  horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario