26 de xan. de 2022

VIGO

Continúan as mobilizacións en ZF Dalphimetal de Vigo para  reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo 

As protestas continuarán en febreiro despois de que a dirección da empresa  de automoción comunicase que non vai presentar máis propostas 


O cadro de persoal de ZF Dalphimetal continuou hoxe coas mobilizacións a carón das instalacións da compañía
Fotos: CIG



Infogauda / Vigo 

 O cadro de persoal de ZF Dalphimetal, empresa da automoción con sede no polígono vigués do Caramuxo,  continuou hoxe coas mobilizacións a carón das instalacións da compañía para reclamar a volta ás negociacións do convenio colectivo despois de que a dirección comunicase que non vai presentar máis propostas alegando que as  posturas se atopan demasiado lonxe.  

 Dende a sección sindical da CIG en Dalphimetal explican que nun primeiro momento a empresa non tiña intención  de negociar a renovación do convenio -que leva caducado dende 2019- senón unicamente a actualización salarial,  pero a presión da representación sindical obrigouna a negociar o convenio na súa totalidade. “CCOO mantívose á  marxe en todo o proceso porque lle valía a proposta da empresa, pero o resto -CIG, UGT e CUT- forzámola a  sentarse”. 

 Mais a última proposta de suba salarial non satisfai en absoluto as pretensións do cadro de persoal, xa que a  empresa pretende un incremento de soldos do 0% para 2020, do 1% en 2021, do 0,25% en 2022 e do 1,50% en 2023. “Isto supón que en catro anos os salarios subirían unicamente un 3,75%, unha cantidade claramente insuficiente  tendo en conta o incremento do custe da vida neste período”. 

 Unha vez que a parte social rexeitou a proposta, a empresa comunicou que non vai achegar máis propostas,  alegando que as posturas se atopan aínda moi lonxe do acordo. En consecuencia, a representación sindical optou  por promover a convocatoria das mobilizacións que comezaron o pasado mércores día 19 de xaneiro e que terán  continuidade os mércores 2 e 9 de febreiro de 13:00 a 15.00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario