20 de xan. de 2022

VIGO

Xubilados/as e pensionistas da CIG de Vigo demandan cunha  protesta máis recursos para unha Atención Primaria de calidade 

Desenvolveron unha concentración diante do centro de saúde de Rosalía de  Castro para reclamar a contratación de persoal en condicións dignas 


O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante do centro de saúde de Rosalía de Castro

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante do centro de saúde de Rosalía de Castro para demandar os recursos materiais e humanos necesarios para contar cun  servizo de Atención Primaria de calidade que cubra as necesidades sanitarias da poboación. En concreto, reclaman  máis contratacións de persoal en condicións de traballo dignas e que se acometan as reformas estruturais precisas  para garantir unha atención axeitada ao conxunto da cidadanía. 

 As persoas xubiladas e pensionistas da CIG-Vigo denuncian que a Consellería de Sanidade centrou o seguimento da  covid na Atención Primaria sen tela dotado de recursos para garantir a cobertura do resto das necesidades  sanitarias da veciñanza, xa que “a atención sanitaria á pandemia non pode ser excluínte do resto da asistencia”.  Neste senso, fan fincapé en que a covid non fixo máis que agudizar a situación de sobrecarga e falta de recursos que padecía a Atención Primaria xa antes da pandemia. “Sabemos que o que está a acontecer neste servizo non é responsabilidade dos profesionais, polo que lle esiximos á Consellaría de Sanidade que acometa as reformas estruturais necesarias para que a Atención Primaria poida dar  resposta ás necesidades das persoas usuarias da sanidade pública, especialmente ás máis vulnerábeis, pensionistas  e pacientes con enfermidades crónicas que precisan seguimento”, sosteñen. 

 Por iso reclaman o incremento do número de profesionais para prestar unha asistencia sanitaria integral e de  calidade; a posta en marcha das carteiras de servizo de todos os profesionais, incorporando aquelas persoas que  poidan mellorar a resposta ás necesidades da poboación; e unha reforma das áreas administrativas, escoitando as  propostas dos profesionais e das persoas usuarias. 

 No que ten que ver coas necesidades de persoal, inciden en que é preciso ditar a Atención Primaria de todos os  colectivos profesionais para garantir unha asistencia “integral e integrada”, sen listas de agarda e con tempo para  prestar una atención de calidade. “Neste momento solicitamos a contratación estábel de profesionais da medicina  de familia, da pediatría e da enfermaría, por ser evidente a súa necesidade”.  

 En canto á reforma das áreas administrativas, consideran que se trata dun aspecto fundamental para que os  profesionais poidan contar con espazo suficiente para atender as diferentes demandas nunha contorna confortábel  na que se garanta a confidencialidade. “É preciso rematar coas colas interminábeis, en moitas ocasións fóra dos  centros, e coas dificultades para contactar por teléfono cos centros de saúde”.  

 Finalmente, indican que as persoas usuarias da sanidade pública teñen dereito a unha atención da calidade, “e isto  só é posíbel se os profesionais poden traballar en condicións dignas, que permitan poñer o seu coñecemento a  disposición das necesidades da poboación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario