20 de xan. de 2022

GALIZA

Convocan mobilizacións coincidindo coa folga para demandar un  convenio digno no sector das conservas 

Os paros de 24 horas terán lugar este venres 21 de xaneiro e o xoves 3 e o  venres 4 de febreiro 




Infogauda  /  Galiza

 A CIG, CCOO e UGT convocan mobilizacións en distintas localidades do país coincidindo coas tres xornadas de  folga no sector das conservas de peixe previstas para este venres 21 de xaneiro e para o xoves 3 e o venres 4 de  febreiro. As centrais sindicas reclaman un convenio colectivo digno e denuncian a ruptura unilateral das  negociacións por parte da patronal. 

 Así o anunciou este pasado martes en rolda de prensa a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, que  lamentou que o acto conciliación celebrado no SIMA o pasado xoves 13 non servise para desbloquear o conflito.  “Está claro que este organismo non soluciona absolutamente nada, polo que a folga é inevitábel para lograr un  convenio minimamente digno”, sinalou. 

 Deste xeito, na primeira xornada de paros as tres centrais desenvolverán mobilizacións conxuntas en Vigo,  Vilagarcía e Boiro. Na cidade olívica a protesta terá lugar diante da Xunta ás 10:00 horas, na localidade arousana  será na Praza de Galiza ás 11:00 e en Boiro celebrarase diante do Concello ás 12:00 horas. 

 Abuín criticou a actitude da patronal, que decidiu suspender de xeito unilateral a seguinte xuntanza da mesa de  negociación, prevista para o vindeiro día 27. “Poñen como escusa a folga, pero o certo é que levamos un ano de  contactos e a parte social sempre se amosou disposta a negociar”. Por iso considera un erro que o empresariado  rachar unilateralmente a mesa de negociación “porque entendemos que o fai como represalia pola convocatoria,  que é un dereito fundamental da clase traballadora”. 

 Ao mesmo tempo, censurou que patronal estea a distribuír un comunicado polas empresas para intentar  boicotear a folga, “algo inaudito no sector até o de agora”. Deste xeito, a responsábel sindical considera que  “vendo esta actitude está claro que este convenio vai dar moita guerra”. Tamén os mandos intermedios das  empresas -asegurou- están a intentar coaccionar os comités para que non secunden a folga e mesmo fan contra  asembleas nas propias fábricas. 

Perda de poder adquisitivo 

 En canto ao contido das conversas, reiterou que non se pode firmar un convenio por debaixo do IPC real. “Se o  IPC de 2021 a nivel estatal foi do 6,5% e a patronal está a ofrecer para ese ano unha suba do 2,25% a perda de  poder adquisitivo está moi clara”. Para 2022 ofrece un 3%, para 2023 un 2,20% “e para 2024 propón unha fórmula que impide que saibamos canto vai ser a suba real”. 

 En consecuencia, incidiu en que a folga está cada vez máis xustificada, “por moito que pretendan facer dubidar as  traballadoras/es”. Explicou que as centrais están a facer asembleas en todas as empresas “e percibimos un  descontento importante entre os cadros de persoal porque a patronal está a escusarse na suba do prezo da  electricidade para ofrecer un incremento salarial de miseria”. 

 Finalmente, lamentou que a patronal pague deste xeito o esforzo e o compromiso do persoal dun sector que foi  esencial durante a pandemia e que lle permitiu ao empresariado elevar os seus beneficios durante este período.  Recoñeceu que houbo avances significativos no convenio, pero asegurou son insuficientes porque non hai acordo  na parte económica nin en canto á xornada. “Por iso agora o convenio dependerá do esforzo mobilizador que  fagan as traballadoras/es do sector”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario