26 de xan. de 2022

TOMIÑO

A OMIX de Tomiño comeza a oferta da súa programación de 2022  

Nos cursos ofertados non é preciso ningún coñecemento previo e a inscrición faise a través da web do Concello  




Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta, como cada ano, unha variada programación para que a mocidade teña acceso a diferentes obradoiros, cursos e actividades formativas e ou lúdicas. Así, o vindeiro mércores 2 de febreiro de 18.45 a 20.15 horas, comezará na Aula Ensaio do Auditorio de Goián un curso de iniciación á guitarrra que durará ata o 20 de abril cunha clase semanal. As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través da web do Concello. O prezo total do curso é de 20 euros.   

 Unha parte do contido da formación está baseada no método “Rock School of London”, coa autorización de dZetta Music Center Vigo, escola á que pertence o tomiñés Andrés “Tito” (Heissel), o docente. Este método está deseñado para aprender un instrumento moderno e á vez ir conseguindo, mediante exames. O método  Rockschool cos seus 8 graos equivale a un grao profesional do Conservatorio Clásico. A través del o alumnado recibirá formación sobre acordes, modos, harmonía moderna aplicada ao instrumento, técnica,... Malia que este método está máis pensado para guitarra eléctrica, tamén se pode adaptar á clásica ou acústica.  



 

 Ademais, ofértase tamén en febreiro un curso básico de xaponés A1 en formato en liña que ten como obxectivo adquirir coñecementos básicos comunicativos na lingua xaponesa: comprensión auditiva, lectora, expresión verbal e escrita. As persoas interesadas poden tamén inscribirse na páxina web municipal. Comezará o sábado 5 de febreiro e será en horario de 19:00 a 21:00h, tendo unha duración total de 40 horas e un custe de 15 euros.   

 O Concello de Tomiño informa que nos vindeiros días, a OMIX de Tomiño abrirá o prazo de inscrición dos vindeiros cursos que comezarán no mes de marzo, un en liña (Inicio á cociña vegana) e o outros dous presenciais: Autodefensa feminista, e monitor/a de tempo libre, con título oficial homologado pola Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario