Presentación do libro “Cando os bosques sintan frío”, da escritora Charo Valcárcel Mato
O venres 28 de xaneiro ás 19:30 na biblioteca do IES Valle Inclán, de Pontevedra
Ana Santos / Pontevedra
O vindeiro venres día 28 de xaneiro, ás 19:30 horas, na biblioteca do IES Valle Inclán, de Pontevedra, terá lugar á presentación do libro “Cando os bosques sintan frío”, da escritora Charo Valcárcel Mato.
Charo Valcárcel Mato naceu na Estrada, na parroquia de Vinseiro en maio de 1960. Estudou o bacharelato na vila estradense e Filoloxía Hispánica en Compostela. Comezou a traballar como profesora interina aos 22 anos pasando por varios centros en Santiago, Fonsagrada, Vilalonga e Marín. No curso 87/88 aprobou as oposicións de Lingua galega e literatura obtendo praza definitiva no IES Valle Inclán de Pontevedra, onde exerceu xa como funcionaria de carreira ao longo de 34 anos, ata que se acolleu á xubilación voluntaria o curso 2019/20. Neste centro coordinou un grupo de teatro de profesores desde o 2005, Argallada, co cal levaron a escena máis de dez obras, algunhas propias.
Leva moitos anos escribindo pero só desde hai algúns comezou a probar sorte en certames literarios conseguindo algún recoñecemento. Así no 2017 obtivo o 1º accésit de poesía no Certame Manuel Oreste Rodríguez de Paradela e foi finalista no Certame de Micropoesía da Chaira (As Vilariñas). Quedou finalista tamén no Microcatro relato do 2018. No 2019 concedéuselle o 1º premio de relato curto no Certame Terras de Chamoso. Ademais de ser incluídos varios poemas seus en publicacións colectivas no 2020, na revista Furman e no 2021 na revista Xistral, tamén nese ano participou no apartado de poesía na Colectánea luso-española Cultura sen fronteiras, presentada en Porto o 4 de setembro.
Esta é a súa primeira publicación individual.
Cando os bosques sintan frío é un poemario cun contido heteroxéneo porque nel recolle case toda a poesía que escribíu ao longo de moitos anos. Son versos que falan das mágoas do ser humano como individuo e como sociedade, as inxustizas, a natureza, o amor e o desamor, a maternidade, a pandemia, e tamén a amizade e a súa devoción absoluta polo mar.
Devellabella como ben di o noso lema é sentirse belas aínda sendo vellas, falamos de persoas, non de sexo.
Somos un grupo 10 persoas de +60 anos, a maioría do mundo do ensino, que temos unha páxina web https://devellabella.com/ para dar voz a xente que coma nós ten inquedanzas no eixo da cultura tanto para escribir como para cociñar, pintar, fotografar etc…. Contamos con numerosos colaboradores que fan medrar esta iniciativa achegando o que lles gusta facer. Esta é a terceira presentación dun libro, aínda que esta é moi especial xa que se trata dunha das nosas cofundadoras, que facemos porque así o queren os nosos colaboradores e esperamos que non sexa a última.
Ningún comentario:
Publicar un comentario