27 de xan. de 2022

TOMIÑO

Centenares de persoas sairon a rúa en Tomiño para exixir unha Atención Primaria de calidade  

Reclaman que se volva abrir o consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións para responder “a situación crítica que pon en risco a saúde de todos e todas” 

 



Centenares de persoas saíron a rúa en Tomiño para denunciar a grave situación da atención primaria no concello e en toda a comarca

Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Centenares de persoas saíron onte mércores 26 de xaneiro de 2022 a rúa en Tomiño para denunciar a grave situación da atención primaria no concello e en toda a comarca. A alcaldesa, Sandra González, reclamou “solucións urxentes para unha situación crítica que pon en risco a saúde de todos e de todas”. A atención primaria en Tomiño e no Baixo Miño padece unha carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas, e provocando o exceso da atención telefónica que  tamén xera que a centralita dos centros de saúde chegue a saturarse.   

 A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, afirma que a situación crítica xa existía antes da pandemia e que a COVID amplificouna. “Na manifestación reclamamos que se volva abrir o consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións”, afirma a edil, ao tempo que lembra que “a resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.  

 A manifestación de Tomiño foi a segunda dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca. A primeira foi no Rosal e as seguintes son o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reivindicar”.   

 A médica do Centro de Saúde de Tui, Laura Silva, natural de Tomiño, resumiu a situación con cifras. “Non hai mais que ver o caso do noso concello. Por ratio de poboación nos corresponderían 10 equipos de atención primaria, é dicir, 10 médicas e 10 enfermeiras. Na actualidade temos unha dotación de 8 médicos e 7 enfermeiras e a día de hoxe só 5 médicas prestan consulta. En resumo: 5 facendo o traballo de 10. Pero esta situación está igual ou peor en todos os concellos da comarca e a resposta do Sergas ante esta precaria situación limitouse a mobilizar o escaso persoal de Tomiño ao centro de saúde do Rosal”.  

 O Concello de Tomiño tamén quere mostrar o seu apoio aos profesionais da saúde e garantir que continuarán loitando para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza. Por todo isto, “queremos que os veciños e veciñas da Mancomunidade saían a rúa para demostrarlle a Xunta que xa estamos fartos e fartas de poñer en risco a nosa saúde”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario