14 de xan. de 2022

SALVATERRA DE MIÑO

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra facilita a posta en marcha da nova biblioteca do concello de Salvaterra 

O novo equipamento, que se inaugurará este próximo luns, contou con máis de 81.000 euros do Plan da administración provincia 


Vista aérea do concello de Salvaterra de Miño
Foto: C.S. de M.

Infogauda / Salvaterra de Miño

 A Deputación de Pontevedra, ao través do Plan Concellos 2020, participou na financiación da nova Biblioteca Municipal de Salvaterra cun investimento de 81.138 euros, amosando unha vez máis o compromiso da administración provincial que permite que os concellos, especialmente os máis pequenos, poidan garantir dereitos e servizos e a construción ou rehabilitación de dotacións e equipamentos.  

 De feito, a Deputación ten investido nos últimos seis anos en Salvaterra máis de 6 millóns de euros, o investimento máis importante da historia da Deputación. Destacan os 4,3 millóns de euros do Plan Concellos, e o esforzo en infraestruturas con máis de 774.928€ con obras como a reposición de firme na EP 4006 (351.896 euros), ou as que xa empezaron na mesma estrada provincial co proxecto de mellora de mobilidade peonil no treito do antigo Colexio de Leirado (214.127 euros).  

 Salvaterra tamén foi un dos concellos beneficiados co Plan DepoRemse cun proxecto de pasos peonís sobreelevados (169.352€), a redacción do proxecto de humanización da rúa Marqués de Viana (50.000€) financiado co Plan Ágora, ou os fondos europeos xestionados pola Deputación con  281.696 euros en iluminación sostible exterior, iluminación en BIC e substitución de caldeiras contaminantes por sistemas con biomasa.  

 A nova Biblioteca Municipal, que se inaugurará este próximo luns, fíxose co proxecto de rehabilitación interior do antigo edificio do Concello, nas plantas baixa e primeira mediante o acondicionamento interior do espazo. Esta nova dotación, moi demandada na vila, dará resposta ás necesidades culturais da cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario