14 de xan. de 2022

BAIONA

Os fondos do Plan ReacPon da Deputación impulsarán a remodelación da contorna do paseo de Pinzón

O alcalde Carlos Gómez lembrou que "aos 61 concellos da provincia a Deputación destes últimos seis anos viunos moi ben. Grazas a este modelo temos recursos para transformar os concellos" 


A presidenta da Deputación de Pontevedra, o alcalde de Baiona e o vicepresidente da Deputación, no acto de sinatura do convenio do Plan ReacPon
Foto: D.PO.

Infogauda / Baiona

 "A inversión da Deputación en Baiona na anterior lexislatura foi de 6,5 millóns de euros e a da Xunta de Galicia 1,8 millóns. Creo que con iso dicímolo todo". Con esta rotunda afirmación o alcalde Carlos Gómez agradeceu á administración provincial o esforzo do Plan ReacPon no acto de sinatura do convenio coa presidenta, Carmela Silva, acompañada polo vicepresidente, César Mosquera. Cun orzamento de máis de 1,7 millóns de euros, cofinanciados por Deputación e concello, este plan extraordinario permitirá facer realidade o esperado proxecto de remodelación da contorna do paseo Pinzón.

 A presidenta da deputación, Carmela Silva, sinalou que con este proxecto "seguimos camiñando e facendo obras conxuntamente, unha actuación moi potente que se corresponde co proxecto de transformación dos concellos que defende a Deputación e que permite crear vilas onde da gusto vivir". Ademais, resaltou que  as actuacións proxectadas compren cos "principios de sostibilidade que contempla a Axenda 2030 e todo o que ten que ver coa transición ecolóxica". Alén do proxecto do Paseo Pinzón, a Deputación leva investidos máis de 9,6 millóns de euros en Baiona con outros plans extraordinarios como o DepoRemse co que o concello mellorou a mobilidade e seguridade viaria na avenida de Sabarís, o novo Multiusos de Sabarís do Plan Concellos, ou os investimentos en infraestruturas para a mellora da seguridade viaria en Baredo-Lourenza ou en Sabarís-Belesar, actuacións "que teñen transformado absolutamente lugares que non son o centro da vila e, polo tanto, espallan este modelo de mobilidade e para o conxunto de Baiona".

 O alcalde, Carlos Gómez,  amosou o seu "orgullo por asinar este convenio" e tamén fixo referencia á inversión que a Deputación fai no concello e comparouna cos orzamentos cos que conta Baiona. Os datos deixan claro que "sen a Deputación Baiona non tería acadado a transformación que se ten feito nestes últimos seis anos, pero tamén somos conscientes de que imos a depender dela nos vindeiros anos para acadar o noso obxectivo". Tamén se lembrou do conxunto da provincia xa que "aos 61 concellos esta Deputación, a dos últimos seis anos, viunos moi ben. Grazas a este modelo temos recursos para poder transformar os concellos". Para Carlos Gómez "con anteriores gobernos o concello nunha tivo unha visión de futuro. Agora, engadiu, estamos comprometidos con Europa, co Estado e coa Deputación para cumprir os 17 ODS que van a transformar non soamente a nosa provincia senón o mundo". Neste senso falou do seu ambicioso plan de mobilidade, no que se enmarcan esta e outras actuacións que están a transformar o concello.  

 Por último, o vicepresidente César Mosquera, deu os parabéns ao alcalde de Baiona polo proxecto do Paseo Pizón, centrado na recuperación do espazo público para as persoas e nos principios da Rede Ágora. Indicou que é un proxecto ben traballado e que suporá "un antes e un despois" no avance cara a transformación da vila. Mosquera indicou que a Deputación, co seu modelo de mobilidade amable, impulsou cambios e unha nova mentalidade nos concellos, que a día de hoxe solicitan apoio para iniciativas que apostan polo espazo público de calidade. Subliñou que o goberno provincial sempre apostou por liñas de actuación para levar adiante actuacións "amables, atractivas, ben feitas, e superar a fase de tirar para adiante e facer as cousas con urxencia" e subliñou que o  ReacPON é unha oportunidade para facer intervencións que son o soño de alcaldes e alcaldesas e que non se poderían asumir cos fondos ordinarios.  

Un novo paseo a carón do mar  

 Coa actuación, o paseo de Pinzón contará cunha continuidade visual e funcional entre o propio paseo e o parque da Palma que mellorará as condicións deste espazo urbano para o tránsito peonil. Deste xeito, eliminaranse as oclusións visuais e os elementos de urbanización innecesarios, cunha área de preferencia peonil, continua e compacta.  Ademais, mellorarase o firme dando continuidade ao pavimento de pedra da zona e instalarase unha nova iluminación pública eficiente así como novo mobiliario urbano e sinalización. Tamén se aumentarán os espazos axardinados e arranxaranse as escaleiras de acceso ao litoral e o muro de contención, amais da instalación dunha rede de rega e de drenaxe e un novo sistema de recollida de pluviais.  

 O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario