14 de xan. de 2022

SALCEDA DE CASELAS

A Xunta de Galicia investirá preto de 2,2M€ na ampliación do instituto Pedras Rubias que permitirá a incorporación do Bacharelato  

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar a redacción do proxecto  

A obra responde ao compromiso do Goberno galego de ampliar a oferta educativa neste concello pontevedrés


Casa do Concello de Salceda de Caselas

Foto: Roi González Villa

Infogauda / Salceda de Caselas

 A Xunta de Galicia vai investir preto de 2,2M€ nas obras de ampliación do instituto IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, co que se garantirá a incorporación das ensinanzas de Bacharelato.

 Tal e como se pode consultar na plataforma Contratos de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar a redacción do proxecto por un importe de preto de 82.000€ e un período de redacción de tres meses. Con este trámite administrativo iníciase o procedemento para a ampliación das actuais instalacións do instituto e dáse cumprimento ao compromiso do Goberno galego con Salceda de Caselas para a incorporación do Bacharelato ao tempo que se atende a demanda das familias a este respecto.

 Unha vez redactado, será o proxecto técnico o que defina as características das obras que se van levar a cabo neste centro e que vai supoñer a dotación duns 1.600 metros cadrados de nova superficie útil que se destinará á zona docente (con oito aulas, dous aseos, laboratorio, polo creativo e espazo Foro entre outros), a administración e departamentos didácticos e a servizos comúns (almacéns e taquillas). Así mesmo, engadiranse tamén espazos exteriores como un acceso e un patio cuberto e zona de estacionamento.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

 A ampliación realizarase de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, que é a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles, adaptado á situación poscovid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario