14 de xan. de 2022

CULTURA

Arranca en Santiago o novo proxecto cultural apoiado pola Xunta que promove a obra do escultor Ramón Conde no marco do Xacobeo  

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou na inauguración da primeira das catro mostras previstas sobre este artista


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a primeira das catro exposicións do proxecto cultural que promoverá a obra do artista Ramón Conde

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a primeira das catro exposicións do proxecto cultural que promoverá a obra do artista Ramón Conde durante este ano. Trátase, como expresou, dunha iniciativa apoiada pola Xunta e froito dun “compromiso común para divulgar a importancia da arte e da escultura galega a través dun dos nosos principais escultores”.

 Neste sentido o titular de Cultura puxo en valor “o vigor e imaxinería” de Ramón Conde que “merece un escaparate como o Ano Xacobeo, á altura da súa calidade”. Sinalou, ademais, que esta iniciativa dá continuidade ao apoio do Gobenro autonómico á arte a través do fomento de exposicións que divulguen e promocionen o traballo feito en Galicia.

 “Santiago terá a oportunidade de gozar de primeira man da produción deste artista ourensán, cuxas obras fican xa en parte de Galicia e fóra dela”, indicou recordando que se trata “dun dos mellores embaixadores da creación galega”.

 Este proxecto cultural xurde da colaboración da Xunta de Galicia co Casino de Santiago, o Goberno municipal, a Asociación Comercio Punto Compostela, o instituto IES de Sar e o propio artista e inclúe ata catro exposicións no Casino durante este ano. A primeira dela inclúe grandes pezas do artista, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de marzo.

Escultor referente

 Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín, na Coruña; a de Pablo Iglesias Posse, en Ourense; ou de Manuel Antonio, en Rianxo; Os redeiros, en Vigo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario