12 de xan. de 2022

O ROSAL

Comezou a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián  

· As obras, que durarán arredor de 10 meses, permitirán conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal recuperando espazos para as persoas e fomentando a mobilidade sostible  


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou o inicio dos traballos acompañada do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández
Fotos. C.O.R.
O concello procederá á renovación das redes de abastecemento da zona e fará a canalización soterrada da rede de iluminación pública

Infogauda / O Rosal

 O Rosal xa comezou a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián. Esta semana iniciáronse os traballos de execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, un proxecto que permitirá conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible.  

 “Para nós é un orgullo ver como O Rosal vai dando pasos na súa transformación non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e de comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental, adaptándonos a unha nova realidade de mobilidade”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que visitou o inicio dos traballos acompañada do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez. 

 

A alcaldesa e o concelleiro de Vías e Obras, supervisando in situ ás obras


 Os traballos da primeira fase de mellora durarán arredor de 10 meses, durante os que se remodelará un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de veciños e veciñas que acoden ata Tomiño, como de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa.  

 “Queremos fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado e dándolle prioridade sempre ás persoas”, explica. Por ese motivo, crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. O Concello procederá ademais á renovación das redes de abastecemento da zona e fará a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Para garantir a seguridade na contorna, disporase tamén dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.  

 O proxecto final desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros. Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e outro 20% polo Concello do Rosal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario