18 de xan. de 2022

GALICIA

O Día de Rosalía de Castro pasará a celebrarse o 23 de febreiro, auténtica data de nacemento da poeta  

A Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora deciden cambiar a efeméride tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real de nacemento  

A investigadora Sagrario Abelleira documenta datos ata o de agora descoñecidos sobre Rosalía e Murguía nunha publicación que conta co apoio do Goberno galego


Rosalía de Castro
Foto: Cedida

Infogauda / Padrón (A Coruña)

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na xuntanza que a Fundación Rosalía de Castro convocou para mudar a data de celebración do día da poetisa galega ao 23 de febreiro. Este cambio prodúcese despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira revelase o pasado ano nova documentación que acredita a data de nacemento real nese día, dando a coñecer ademais datos inéditos sobre a vida da nosa autora máis recoñecida e da do seu home, Manuel Murguía.

 Toda esta información quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), publicado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Traslado de celebracións

 Con motivo da proximidade do aniversario da poeta galega, o Goberno galego e as entidades culturais e educativas, acordaron adiantar a efeméride, que ata o de agora se celebraba o 24 de febreiro, data do bautismo da autora de Follas Novas.

 O secretario xeral de Política Lingüística deu conta do acordo para “celebrar á nosa poeta máis universal o 23 de febreiro, pois unha vez coñecida que esta é a auténtica data do seu nacemento, é un día que os galegos non podemos pasar por alto”, derivado da xuntanza entre representantes de entidades culturais e de distintas administracións que tivo lugar na Casa da Matanza, en Padrón.

 Na reunión convocada pola Fundación Rosalía de Castro, ademais de Valentín García en representación do Goberno galego, tamén participaron representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), da Asociación de Gaiteiros, da Deputación da Coruña e dos concellos de Padrón e de Santiago de Compostela.

 Así pois, xunto co secretario xeral de Política Lingüística estiveron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra; o representante da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, Olimpio Xiráldez; así como as responsables das áreas de Cultura e Acción Cultura dos Concellos de Padrón e Santiago de Compostela e Sagrario Abelleira, autora da investigación.

Un día para celebrar a Rosalía

 O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

 Logo deste acordo, que traslada a celebración ao día 23, a Xunta, a Fundación Rosalía de Castro e demais institucións e asociacións vinculadas á figura da poeta convidan á sociedade a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario