24 de xan. de 2022

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS GAÑADORES DA XII TAÇA IBÉRICA 


O Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera 

 Despois dun ano de parón por mor da COVID-19, as augas do río Coura, na localidade de Covas, en Vila Nova de Cerveira, volveron a acoller a xa emblemática Taça Ibérica de Slálom, concretamente a duodécima edición desta competición exemplo de traballo conxunto entre Galicia e Portugal.  

 Máis de cen piragüistas déronse cita durante a fin de semana para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa. O sábado tiveron lugar as clasificatorias e o domingo semifinais e finais.  

 O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas.  


Laura Alonso, logrou medalla de ouro en K1 sénior


Ainhoa Barreiro, logrou o ouro en K1 Júnior


Alba Soutelo, acadou o ouro en C1 Júnior

 En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo, en C1 Júnior, resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1.  


Brais Castro, logrou medalla de prata en C1 Sénior


Alexis Esperança, alzouse co ouro en K1 Júnior

 En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata.  Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto ao cometer un pequeno fallo na súa baixada, e Mateo Álvarez quinto. En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch. foi quinto; Antón Fernández, décimo, e Rui Malheiro, décimo cuarto.    

 Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club. Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140.  

FOTOS DAS FINAIS: https://photos.app.goo.gl/NY9oW6TfAc2Sgyb37 

Ningún comentario:

Publicar un comentario