Aprobado o proxecto de reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña
• O pleno do concello de A Guarda deu "luz verde" a modificación do proxecto de reforma e ampliación desas instalacións deportivas
• A votación resolveuse cos votos a favor do equipo de goberno e do BNG e as abstencións de CG e o PP
A imaxe reflicte o momento no que os concelleiros votaban a aprobación da modificación do proxecto de ampliación e reforma do pavillón da Sangriña
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Corporación Municipal vén de celebrar o mércores día 19 de xaneiro de 2022, unha sesión plenaria extraordinaria na que foi tratado a seguinte orde do día:
PUNTO ÚNICO: Expediente 32/2022. APROBACIÓN MODIFICACIÓN PROXECTO "AMPLIACIÓN E REFORMA DO PAVILLÓN DA SANGRIÑA".
En relación a devandita sesión, no día de hoxe, xoves 20 de xaneiro, o equipo de goberno do Concello de A Guarda, vén de facer público que "o proxecto que se presentou a este pleno incorpora melloras importantes respecto ao documento orixinal que xa conseguira a aprobación en xullo de 2021 coa oposición de parte da corporación. Dende aquela e equipo de goberno xunto co equipo redactor estiveron estudando o documento a fondo e valorando distintas suxestións que lles fixeron chegar para procurar a mellora do proxecto e a adaptación ás distintas recomendacións e normas. Cabe destacar neste sentido os esforzos que se fixeron para cumprir coas recomendacións feitas dende a Secretaría Xeral para o Deporte para mellorar a instalación deportiva.
Froito das melloras incorporadas no proxecto e do compromiso do alcalde de continuar traballando para conseguir os terreos coa cualificación urbanistica para construir no futuro un novo pavillón, o proxecto saiu adiante sen ningún voto en contra".
Neste senso alcalde declaraba á saída do pleno: “As tramitacións urbanísticas son lentas pero xa temos moito traballo adiantado. Espero que nos próximos meses poidamos levar á aprobación inicial o Plan Especial de Infraestruturas Deportivas na zona da Sangriña.”
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, mostraba a súa satisfacción: “Considero que se avanzou co cambio de postura dos grupos. Coa execución desta obra conseguiremos unha mellora moi sustancial nunha das dotacións deportivas mais importantes da localidade. Agora espero que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso e cofinancie este proxecto que xa conta con unha aportación de 610.000 € da Deputación de Pontevedra. Tamén quero tranquilizar ao Atl Guardés e a comunidade escolar do CEIP da Sangriña porque poñeremos todo o que faga falta da nosa parte para procurar o mínimo quebranto tanto para o club como para o alumnado do colexio.”
O proxecto aprobado que terá que estar rematado en abril de 2023 ten prazo de execución de 8 meses e cun custo de 1.870.000 €. A súa execución permitirá modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada; unha nova cuberta; unha nova grada de fondo; a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas; unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior; un elevador; a renovación dos vestiarios; catro vestiarios xerais; un vestiario accesible; un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos; tres aseos accesibles; un espazo de enfermería; un espazo para control antidopaxe; unha área de prensa; novas zonas de paso inferiores e almacéns; etc. Ademais haberá unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.
"Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña necesita desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas", afirman desde o equipo de goberno municipal do Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario