O Concello de A Guarda investirá 48.000€ na mellora da zona infantil e deportiva da Portela, en Salcidos
• Esta actuación cumprirá co proxecto redactado polo Concello de A Guarda no mes de decembro de 2021.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda conta cun proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva da Portela, no barrio de Salcidos. Esta obra será executada en próximas datas con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Desde o equipo de goberno municipal indican que "as instalacións infantís, que están emprazadas na Portela, en Salcidos, datan do ano 2008 e contan cun pequeno parque infantil e unha pista polideportiva que, debido ao seu intenso uso e ao tempo transcorrido e a pesares das pequenas intervencións de mantemento realizadas na mesma, precisa desta volta unha actuación integral no seu conxunto, nos elementos de xogo, así como na substitución do peche perimetral.
En canto á pista polideportiva, as actuacións inclúen o cambio do céspede artificial da cancha, a substitución das madeiras en mal estado da estrutura da pista e o seu pintado, así como o cambio da rexa circundante e pintado de todo o espazo, o perímetro da cancha e substitución das canastas de baloncesto. Tamén se contempla nesta intervención en Salcidos a substitución da rede parabalóns e a reforma da súa estrutura.
Por outra banda, tamén se prevé o acondicionamento do acceso ás instalacións cun novo pavimentado en formigón pintado, que substituiráao actual de asfalto e que se atopa en malas condicións".
Estas actuacións na Portela en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello de A Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal, en Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario