2 de out. de 2021

GOIÁN

O CONCELLO DE TOMIÑO INAUGUROU ESTE SÁBADO UNHA DAS MAIORES PISTAS DE PATINAXE DA PROVINCIA 

O acto foi aberto ao público e houbo unha exhibición das diferentes modalidades, como  BMX, Skateboard, Scooter ou Roller



Fotos: Gus Rivas.


Infogauda / Goián

 Logo de ser aprazado fai unha semana en base as previsións metereolóxicas, este sábado tivo lugar a inauguración da nova área de espazos deportivos situada na Alameda de Goián, que está composta por unha pista de skatepark e unha pista polideportiva. O novo espazo está encadrado dentro do proxecto “Máis Goián”, unha iniciativa integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, e virá a complementar outros equipamentos deportivos situados na área, como o campo de Fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.  


 

 Como xa fora anunciado previamente, o acto foi aberto ao público, e contou coa intervención de Uxío Benítez, 1º tenente alcalde e deputado provincial de Mobilidade e Espazos Públicos; Teo López e Adrián Besada, representantes do colectivo local OG Rippers; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Tamén asistiu Santos Héctor Rodríguez, deputado de Cooperación cos concellos e Asistencia Intermunicipal.




 Ao remate da presentación houbo unha exhibición das diferentes modalidades que poderán practicarse na pista, tales como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller. 

 O ámbito da intervención, financiada a través do Plan Concellos 2020, abarca uns 4.000 metros cadrados, dos cales preto de 1.400 corresponden a pista de patinaxe, converténdoo nun dos maiores da provincia. No seu deseño o Concello de Tomiño contou co asesoramento de expertos nestes deportes, participando un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, ademais de ser fundamental en todo o proceso a participación da mocidade do municipio que practica algunha destas modalidades. 

GOIÁN

‘Son de Monte’, seis territorios e seis visións postas en común para a valorización do monte     

Un cento de persoas participaron este sábado no auditorio de Goián na xornada de presentación deste proxecto de cooperación entre os GDRs Limia-Arnoia, Mariña-Betanzos, Montes e Vales Orientais, EuRural, Condado Paradanta e Seitura 22


Os enxeñeiros de montes Alba Devesa e Antonio Soliño pecharon a mañá cun relatorio sobre a pegada de carbono
Fotos: C.T.
 

Infogauda / Tomiño 

 Arredor de cen persoas participaron este sábado no auditorio de Goián na xornada de presentación do ‘Son de Monte’, un proxecto de cooperación que busca o coidado e recuperación do monte galego coordinado polo GDR Limia-Arnoia (Ourense) e no que colaboran os grupos de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos (A Coruña), Montes e Vales Orientais (Lugo), EuRural (Pontevedra), Condado Paradanta (Pontevedra) e Seitura22 (A Coruña), a través da medida 19.3 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

 Seis territorios que por primeira vez darán seis visións diferentes adaptadas ás súas diversas realidades para enriquecer un proxecto en común que rematará coa posta en marcha dun espazo de debate, de manuais didácticos e de diferentes experiencias piloto. Tras 12 meses de traballo presentarase, posteriormente,  a Rede Galega de centros de información e promoción da cultura forestal, e que terá vocación de permanencia e ampliación a outros territorios.


A presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, nun momento da súa intervención


 A presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou durante o acto de presentación a importancia das comunidades de monte “como parte fundamental da forma de entender e configurar o territorio, un potencial por descubrir tanto como concepto de propiedade como de autoxestión, xa que non pode haber nada mellor que xente xestionando os bens de xente”.


Gumersindo Lamas, presidente do GDR Limia-Arnoia e alcalde de Sarreaus nun momento da súa intervención

 Pola súa banda, o presidente do GDR Limia-Arnoia e alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, afondou sobre a relevancia de poñer en marcha iniciativas como estas en superficies forestais expostas cada ano a incendios máis perigosos pola situación de abandono e o cambio climático e de “involucrar á mocidade porque son o futuro que deben manter a esencia do proxecto que estamos a levar a cabo”.

Diferentes aspectos da xestión do monte   

 A orixe do proxecto situase en 2018 tras coñecer as recomendacións da Comisión Parlamentar polos Lumes Forestais de 2017 e que tanto afectaron ao sur da provincia de Pontevedra. O longo de 2021 e 2022 os grupos de desenvolvemento rural levarán a cabo experiencias piloto centradas en diferentes aspectos da xestión e recuperación do monte:

-          EuRural centrarase no apartado formador e didáctico coa creación de manuais e titoriais de coñecemento e respecto do monte dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato para achegar este eido á mocidade.

-          GDR Condado Paradanta levará a cabo estratexias de recuperación tras os lumes non só pensadas dende un punto de vista produtivo das áreas queimadas, senón tamén de concienciación e sensibilización da poboación, tendo en conta o transfondo dos incendios forestais.

-          GDR Mariña-Betanzos deseñará xunto á comunidade de montes de Xalo estratexias para a posta en valor de paisaxe e patrimonio cultural nesta zona forestal, servizos ecosistémicos que xa están a prestar estes espazos.

-          Seitura 22 traballará sobre un sistema agroforestal biodiverso integrado na paisaxe para o aproveitamento e multifuncionalidade dun monte moi amplo e cambiante.

-          GDR Limia-Arnoia levará a cabo unha actuación nunha superficie dunha hectárea na Reserva da Biosfera do Xurés coa posta en valor de especies como o carballo rebolo, o amieiro, o bidueiro ou o salgueiro que poida servir de espello para outros espazos.

-          GDR Montes e Vales Orientais recuperará searos e searas nos montes dos Ancares para a recuperación de cereal co que facer a palla para o teitado das pallozas típicas desta zona.

 

 ‘Son de Monte’ conta cun orzamento de 80.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, ao abeiro dos proxectos de cooperación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. Conta ademais coa colaboración do Concello de Tomiño, da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e da Asociación Galega de Tracción Animal.

Charlas e saída de campo

 Ademais de presentar o proxecto e as iniciativas nas que xa se están a traballar, a xornada completouse coa charla sobre organización do monte en Galicia e a súa funcionalidade a cargo de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), e na que Rafael Alonso, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña do Rosal explicou as iniciativas que se están a levar a cabo nesta comunidade de montes.



Rafael Alonso, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña do Rosal

 Os enxeñeiros de montes Alba Devesa e Antonio Soliño pecharon a mañá cun relatorio sobre a pegada de carbono e a compensación por emisións de C02. A xornada rematou cunha visita pola tarde ao monte de Pinzás, en Tomiño, onde os e as participantes coñeceron de primeira man a experiencia de diversidade produtiva sustentable que se está a levar a cabo neste monte comunal.

DEPORTES

A Deputación de Pontevedra rendeu homenaxe ao deporte da provincia no castelo de Soutomaior: "sodes o reflexo do que queremos ser" 

Carmela Silva: "Esta provincia está a darlle os maiores éxitos deportivos a Galicia e temos que recoñecer a quen desde o deporte axudan a construír sociedade e levan o noso nome a nivel nacional e internacional" 

  

Sen dúbida, o momento máis emotivo foi a sentida homenaxe brindada a Fran Teixeira, que faleceu recentemente

Fotos: D.PO.


Infogauda / Soutomaior

 Orgullo e recoñecemento por una provincia que vive o deporte e por uns e unhas deportistas que están a darlle os maiores éxitos neste eido a Galicia. Foi o que na tarde do xoves puxo en valor a gala organizada pola Deputación de Pontevedra para honrar a todo o deporte provincial e, de xeito máis especial, ás e aos seus deportistas de alto nivel, promesas, olímpicos/as e paralímpicos/as que converteron este 2021 nun ano excepcional. Preto de 200 persoas déronse cita nos xardíns do Castelo de Soutomaior nesta homenaxe ao esforzo e aos valores que estes protagonistas transmiten ao resto da sociedade, e no que tamén se realizou un sentido recoñecemento ao adestrador de balonmán Fran Teixeira, recentemente falecido.  


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Terio Carrera, xornalista, e Lorenz Pérez, capitana do Mecalia Atlético Guardés de Balonmán, nun momento da gala

 O evento, retransmitido en directo e conducido polo xornalista Terio Carrera e por Lorena Pérez, capitana do Mecalia Atlético Guardés de Balonmán, desenvolveuse nun espectacular escenario decorado en cores lila e gris, e reuniu en Soutomaior ás a unha representación dos 181 deportistas becados este ano coas bolsas da institución DepoDan (Alto Nivel) e DepoPromesa, así como dos 24 deportistas da provincia que acudiron ás Olimpiadas e Paralimpiadas de Tokio. Amais, entre o público estiveron representantes das federacións e clubes, así como dos concellos da provincia e deputados e deputadas.  


Preto de 200 persoas déronse cita nos xardíns do Castelo de Soutomaior nesta homenaxe ao esforzo e aos valores que estes protagonistas transmiten ao resto da sociedade

  

 A presidenta provincial, Carmela Silva, enxalzou os logros acadados este ano polos e polas protagonistas do acto, pero sobre todo, o seu "esforzo e sacrificio". "Son consciente de que o deporte crea sociedades máis inclusivas e con maiores valores –subliñou-. Por iso apoiar o deporte é imprescindible para construír sociedades mellores e máis avanzadas". Neste senso, apuntou que para a Deputación "é unha obriga" o respaldo ao deporte base "para que clubs e deportistas poidan ter recursos para desenvolver as súas disciplinas" e ao deporte de elite "que é tan importante e sitúanos a nivel nacional e internacional. 

 A xente sabe que existe a provincia de Pontevedra por moitas razóns, pero eles e elas levan o noso nome onde compiten e estamos moi agradecidos e agradecidas, porque son o reflexo do que queremos ser na provincia de Pontevedra. E amais esta provincia está a darlle os maiores éxitos deportivos a Galicia", salientou, tras recoñecer as 8 medallas e 13 diplomas acadados polos e polas representantes da provincia nos Xogos de Tokio.  

 Sen dúbida, o momento máis emotivo foi a sentida homenaxe brindada a Fran Teixeira, que faleceu recentemente. Trala proxección dun vídeo no seu recordo, foi Daniela Cid, xogadora infantil do Club Balonmán Chapela –o último equipo que adestrou  Fran Teixeira durante 14 anos- quen fixo entrega á  súa viúva Salomé Martínez, ao seu fillo Adrián e a súa parella Marta, así como á súa filla Alejandra, dun retrato do adestrador feito pola artista Pilar Delmas, entre o cálido aplauso do público. A presidenta mostrou o seu respecto e agarimo pola figura do adestrador desaparecido e congratulouse de que "aínda que esta é unha homenaxe póstuma, xa en vida Fran puido desfrutar do agarimo e da admiración de toda a provincia como viviu no acto que celebramos na sede provincial en Vigo".  

 Juan Saavedra (tiro), Támara Echegoyen (vela), Antía Jácome (piragüismo), Agustín Alejos (baloncesto), Gustavo Rodríguez (guía de ciclismo) e Chano Rodríguez (natación) conformaron a representación olímpica e paralímpica presente na gala, xunto á xogadora de balonmán Begoña Fernández, mentres que no caso dos e das deportistas becados coas bolsas DepoDan e DepoPromesa, interviñeron Pablo Cabana (natación), Álex Sierpes (atletismo) e Lidia Pérez (loita olímpica). Tamén tiveron voz no acto Susana García Senra (en representación da Federación Galega de Deporte Adaptado), Fredi Bea (Federación de Piragüismo).  

 No evento, que foi amenizado coa actuación musical do dúo Irewire e que contou amais cun animado photocall, proxectáronse dous vídeos, un que recolle os nomes das e dos deportistas becados coas bolsas DepoDan (que son neste ano 137, 58 mulleres) e DepoPromesa (44 deportistas, 17 mulleres) e o audiovisual A realidade das mulleres deportistas, lanzado pola institución provincial este ano con motivo do 8M para enxalzar os logros das deportistas e denunciar as discriminacións que aínda existen neste ámbito. 

O ROSAL

O ciclo da Xunta ‘O país das bandas’ despídese mañá no Rosal, despois de percorrer máis de 6000 quilómetros por toda Galicia  

Ofrecéronse 97 concertos, coa participación de arredor de 4000 instrumentistas e máis de 500 profesionais implicados

A iniciativa, froito da colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, forma parte da programación cultural do Xacobeo 21-22 e naceu co obxectivo de impulsar a recuperación da actividade destas formacións musicais


Agrupación Musical de Vincios


Infogauda / Galicia

 O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, despídese mañá domingo no concello pontevedrés do Rosal, co concerto da Agrupación Musical de Vincios. O programa percorreu desde o pasado 1 de xullo case 90 localidades e ofreceu 97 actuacións nas que participaron arredor de 4.000 instrumentistas e directores de 76 formacións musicais. Ademais, máis de 500 profesionais directamente relacionados coa actividade das bandas beneficiáronse da iniciativa.

 Deste xeito, un de cada catro concellos galegos acolleu un concerto do ciclo O país das bandas, que estivo presente no 80% das comarcas. Percorréronse máis de 6000 quilómetros para levar a música tanto ás cidades como a concellos pequenos do rural sen tradición bandística. Co obxectivo de fomentar a interpretación de composicións de autoría ou temática galega, cada banda incluíu no seu repertorio un mínimo dun terzo destas pezas. O total de composicións que soaron ascende a case 900.




Concerto no Rosal

 O concerto previsto para o domingo no Rosal pon o peche ao ciclo coa Agrupación Musical de Vincios, que actuará ás 12,45 horas na praza do Calvario. A actuación, prevista para a semana pasada, tivo que adiarse por mor da chuvia e recupérase nesta nova data. Creada en 1982 e dirixida na actualidade por Adrián Viñas Alonso, o repertorio previsto é Soñar en Xirimbao, Atlantis, Fate of the gods, Invicta e A mi banda. Soarán tamén Abba mía, Mi gran noche, Campo de Noia e Mozos do Penedo.

 O país das bandas é unha das iniciativas incluídas no Plan de reactivación cultural deseñado pola Xunta, que este pasado verán impulsou máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega, cun investimento superior aos 9M€. Forma parte tamén da programación especial do Xacobeo 21-22, unha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como do rural.

 O ciclo de concertos de bandas púxose en marcha ao abeiro do convenio asinado o pasado maio pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 euros. Deste xeito, refórzase a colaboración co colectivo, ao que este ciclo lle ofrece unha plataforma desde a que aumentar a visibilidade social e reivindicar tanto a súa calidade musical coma o seu labor de divulgación entre o gran público.

CAMINHA

Colóquio celebra os 50 anos da primeira escola pública de ensino pós primário no concelho de Caminha

No próximo dia 5 de outubro - Dia da República e, simultaneamente, Dia Mundial do Professor terá lugar no Teatro Valadares, em Caminha, um colóquio subordinado ao tema “A Escola: passados, realizações e propostas - O concelho de Caminha no contexto regional e nacional“.



  Foto: C.M.C.


Infogauda / Caminha

 No próximo dia 5 de outubro - Dia da República e, simultaneamente, Dia Mundial do Professor terá lugar em Caminha um colóquio subordinado ao tema “A Escola: passados, realizações e propostas - O concelho de Caminha no contexto regional e nacional“. Trata-se de uma iniciativa do Agrupamento de Escolas do Concelho de Caminha, Câmara Municipal de Caminha e Centro de Formação do Vale do Minho que acontece num período particularmente feliz para a Educação no concelho, com a entrada em funcionamento das renovadas instalações da Escola Básica e Secundária de Caminha, num investimento de quatro milhões de euros, mas também numa altura em que estão em construção a Escola Básica de Vila Praia de Âncora e a sede da Academia de Música Fernandes Fão, na mesma Vila.  

 O colóquio celebra a passagem dos 50 anos da criação oficial, em outubro de 1971, da primeira escola pública de ensino pós primário no concelho de Caminha — então com a denominação de Escola Preparatória Sidónio Pais. Já o primeiro edifício construído com a finalidade de servir como escola está em Riba de Âncora e resultou da intervenção de um benemérito, o comendador Ramos Pereira.   

 Recorde-se que o edifício da Escola Primária Comendador Ramos Pereira foi doado à Junta de Freguesia de Riba de Âncora, conforme era desejo da autarquia local e da população da freguesia, manifestado em diversas ocasiões. O desejo era antigo mas só se concretizou em 2019, com a entrega simbólica pela Câmara da chave da antiga Escola do Comendador Ramos Pereira à Junta de Freguesia.  

 Com um programa diversificado ao longo do dia, que inclui conferências, uma mesa redonda e a primeira exibição de um documentário sobre a primeira escola com edifício próprio do concelho — A Escola de Ensino Primário Geral Comendador Ramos Pereira, em Riba de Âncora (1867) —, merecem destaque especial as presenças dos professores doutores António Nóvoa e Luís Alberto Marques Alves, reconhecidos investigadores da história da educação portuguesa. José Carlos Loureiro e Paulo Torres Bento, por sua vez, abordarão a perspetiva regional e local da escola e do ensino do Alto Minho e no concelho de Caminha na época contemporânea, e, no final dos trabalhos, ex-alunos das escolas do concelho debaterão em mesa-redonda, moderada por Carlos Carrilho, as suas vivências escolares e o modo como as mesmas influíram nos seus percursos profissionais e de vida.  

 O colóquio está creditado na modalidade de ação de curta duração (6H) relevando para a progressão na carreira docente de acordo com o despacho nº 5741/2015, de 26 de Maio —, mas os trabalhos estarão abertos a outros convidados e participantes até ao limite da lotação do Valadares, Teatro Municipal de Caminha.  

CONFERENCISTAS     

 António Sampaio da Nóvoa (Valença, 1954) é doutor em Ciências da Educação pela Universidade de Genève (1986) e doutor em História Moderna e Contemporânea pela Universidade de Paris IV-Sorbonne (2006). Na infância, acompanhando a colocação profissional do pai juiz, fez a instrução primária na Escola Pública de Caminha, tendo terminado a quarta classe já em Nova Oeiras, onde a família se instalou no início de 1964. A sua vida como docente universitário inicia-se em 1982 na Universidade de Genève e, a partir de 1986, ingressa na Faculdade de Psicologia e de Ciências da Educação da Universidade de Lisboa, tendo-se tornado professor catedrático em 1996. É professor convidado de várias universidades internacionais, nomeadamente Wisconsin (1993/1994), Paris V (1995), Oxford (2001), Columbia – New York (2002), Brasília (2014) e Federal do Rio de Janeiro (2017). Entre 1996 e 1999, foi consultor para os assuntos da educação da Casa Civil do Presidente da República Jorge Sampaio. Entre 2000 e 2003, foi Presidente da International Standing Conference for the History of Education e, entre 2006 e 2013, foi Reitor da Universidade de Lisboa, conduzindo o processo de fusão da Universidade de Lisboa e da Universidade Técnica de Lisboa. Em 2012 presidiu às comemorações do Dia de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas e em 2014 esteve no Brasil numa missão internacional da UNESCO junto do Governo Brasileiro. É Doutor Honoris Causa pela Universidade do Algarve (2015), Universidade de Brasília (2015), Universidade Lusófona (2016), Universidade Federal do Rio de Janeiro (2017) e Universidade Federal de Santa Maria (2019). Desde abril de 2018 até muito recentemente foi o Embaixador de Portugal junto da UNESCO. António Sampaio da Nóvoa é um dos mais reputados especialistas internacionais na área da Educação e publicou em diversos países cerca de duas centenas de trabalhos científicos na área da Educação — em particular sobre temáticas da profissão docente, da história da educação e da educação comparada —, com destaque para a sua tese de doutoramento "Le Temps des Professeurs: Analyse socio-historique de la profession enseignante au Portugal " (1987), a coordenação do Dicionário de Educadores Portugueses (2003), Professores – Imagens do futuro presente (2009) e O regresso dos professores (2011).     

 Luís Alberto Marques Alves (Guimarães, 1955). Licenciado em História pela Faculdade de Letras da Universidade do Porto e Doutorado em História Contemporânea (História da Educação), pela mesma instituição. Foi Professor do Ensino Secundário, sendo desde 2007 Professor Auxiliar com Agregação da Faculdade de Letras da Universidade do Porto. É Investigador do CITCEM-Centro de Investigação Transdisciplinar Cultura, Espaço e Memória, onde é coordenador de grupo - Memória, Património e Construção de Identidades. Foi também comissário das Exposições O Passado da Escola, o Futuro do Ensino (1990), e A República lá em casa (2010). As suas áreas de investigação são a História Contemporânea de Portugal, a História da Educação, a didática da História e a educação histórica. É autor de inúmeros trabalhos sobre a História da Educação em Portugal — nomeadamente nas áreas do ensino técnico, ensino artístico e secundário e formação de professores — publicados em revistas da especialidade, capítulos de livros ou em livro, destacando-se, entre outras, as monografias O Porto no arranque do ensino industrial 1851-1910 (2003), ISEP 150 anos: Memória e Identidade (2005), Ensino Técnico 1756-1973 (2009), Investigar, intervir e preservar em História da Educação (2017) e Telescola: um espaço de referência educativa (2019).     

 José Carlos Loureiro (Viana do Castelo, 1971) é licenciado em História e mestre em História Contemporânea pela Faculdade de Letras da Universidade do Porto. É pós-graduado em Sociologia da Cultura e Estilo de Vida pela Universidade do Minho e doutor em Ciências da Educação pela Faculdade de Psicologia e Ciências da Educação da Universidade do Porto. Coautor do livro Feiras e Mercados de Viana (Viana do Castelo, 2001) e autor de textos na obra coletiva Figuras Limianas (Ponte de Lima, 2008), publicou artigos em diversas revistas locais e nacionais. Preside, desde 2011, à direção do Centro de Estudos Regionais e atualmente leciona História no Agrupamento de Escolas do Concelho de Caminha, onde é coordenador do Departamento de Ciências Sociais e Humanas.     

 Paulo Torres Bento (Tondela, 1962) é licenciado em História pela Universidade do Porto e Mestre em Educação pela Universidade do Minho. É professor de História e bibliotecário no Agrupamento de Escolas do Concelho de Caminha e desde 2003 vem-se dedicando à investigação sobre a História do concelho de Caminha e do Alto Minho, sobre a qual é autor de diversas monografias, a última das quais intitulada A Maçonaria ao Val. de Âncora e a Loja Vedeta do Norte [1903-1929] (2021), e coautor de outras no campo de ação do Grupo de Estudo e Preservação do Património Vilarmourense. Também no âmbito da história local e da formação de professores, coordenou em Caminha os colóquios 150 anos do nascimento de Luciano Pereira da Silva (2014), 80 anos da Guerra Civil de Espanha (2017), 140 Anos do Comboio no Concelho de Caminha & os Azulejos de Estação de Gilberto Renda (2018) e Do Armistício da Grande Guerra ao assassinato de Sidónio Pais (2018).

GALICIA

Galicia recibirá 6,4 M€ dos fondos europeos de recuperación para impulsar as sete Reservas da Biosfera  

A Xunta de Galicia disporá de 1,3 M€ para investir nas tres reservas que xestiona directamente e repartirá 2,7 M€ entre os concellos a través dunha nova liña de subvencións

O Goberno do Estado quere constituír un grupo de traballo coas comunidades co fin de fixar criterios comúns para a convocatoria das axudas en cada territorio

Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 Galicia disporá dun total de 6,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para investir en actuacións e medidas a desenvolver nas sete reservas da biosfera existentes na Comunidade.

 Este foi un dos asuntos centrais da última reunión do Comité español do Programa Man and the Biosphere (MaB), celebrada hai uns días de forma telemática e na que participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, en nome da Xunta.

 Durante a xuntanza, os representantes do Estado e das comunidades autónomas falaron das oportunidades que suporá este financiamento extraordinario para as 53 reservas da biosfera españolas así como os criterios de distribución das contías asignadas a cada territorio por parte do Estado, un reparto que se concretou o pasado 9 de xullo.

 No caso de Galicia, cómpre precisar que a Xunta contará con 1,3 millóns de euros para investir nas tres reservas da biosfera baixo a súa xestión directa —Transfronteiriza Gerês-Xurés; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, mentres que os xestores das outras catro reservas galegas —Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo— contarán en total con 1,8 millóns de euros.

 A este respecto, Belén do Campo propuxo que a distribución de fondos entre os órganos xestores destas catro reservas da biosfera se articule a través da sinatura de convenios con cada un deles, unha consulta que solicitou que trasladase o Estado ante a Comisión Europea para que confirme se sería factible de acordo coas condicións do programa Next Generation.

 Así mesmo, a Comunidade galega tamén recibirá 2,7 millóns de euros para financiar un novo programa de subvencións para os 86 concellos localizados nalgún dos sete territorios amparados baixo esta figura, e medio millón de euros para outra liña dirixida, neste caso, a entidades do terceiro sector e comunidades de montes destas zonas.

 Co fin de homoxeneizar os criterios a seguir para a execución dos fondos europeos, durante a reunión o Goberno do Estado propuxo constituír un grupo de traballo coas comunidades autónomas con reservas da biosfera. Neste sentido, Belén do Campo interveu para lembrar que o reparto do financiamento reservado a este tipo de territorios foille notificado ás comunidades xa a comezos do pasado verán, no marco da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o 9 de xullo.

 Por iso, considerou “urxente” que se concreten canto antes os termos e condicións comúns a aplicar para que os gobernos autonómicos poidan empezar a asignar estes fondos e se poidan traducir en actuacións e investimentos sobre o terreo, tendo en conta, sobre todo, que dispoñen dun prazo máximo dun ano desde a concreción do reparto para elaborar as correspondentes ordes de axudas, convocalas e resolvelas. Do mesmo xeito, instou a o Ministerio a resolver con celeridade todas as consultas e dúbidas expostas pola Xunta con relación a estes fondos.

 Os 6,4 millóns de euros asignados ás sete reservas da biosfera de Galicia —que abranguen algo máis dun millón de metros cadrados de superficie e representan, por tanto, preto do 35% do territorio galego—suporán unha boa oportunidade para os concellos, empresas, entidades e poboación en xeral que forman parte das mesmas.

 Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado 15 de setembro o Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB proclamou de forma oficial a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense que, grazas á petición expresa da Xunta ante o Goberno central, tamén se poderá beneficiar do financiamento da UE pese á súa recente declaración.