12 de xan. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda premia aos mellores lectores da Biblioteca Pública Municipal 

• Este luns celebrouse o Día do Usuario/a das Bibliotecas e a Concelleira de Cultura entregou diplomas e libros de agasallo para os mellores lectores do ano 2020

  A concelleira de Cultura - á dereita da imaxe - coa bibliotecaria municipal e os lectores premiados

Infogauda / A Guarda

 Onte luns día 11 de xaneiro celebrouse o Día do Usuario/a das Bibliotecas e na Biblioteca Pública Municipal de A Guarda os mellores lectores, nas categorías xuvenil, infantil e adulto, recibiron da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, un diploma que da conta da súa condición de usuarios e lectores asiduos, e un lote de libros adaptados ao seu perfil lector. 

 

 


 Os premiados foron María Concepción Macua González, como mellor lectora adulta con 57 libros; Pedro Fernández González, co premio ao mellor lector xuvenil con 53 libros; e Irene Fernández Lomba, mellor lectora na categoría infantil con 53 libros solicitados en préstamo.  

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dentro do ranking de libros máis lidos atopamos: 

DEZ LIBROS MÁIS LIDOS POR ADULTOS 

1.- La huella del mal / Manuel Ríos Sanmartín 

2.- El destino de los héroes / Chufo Lloréns 

3.- Las batallas silenciadas / Nieves Muñoz 

4.- El amante silencioso / Clara Sánchez 

5.- La bailarina de Auschwitz / Edith Eger 

6.- Loba negra / Juan Gómez-Jurado 

7.- Algún día hoy / Ángela Becerra 

8.- Beleza vermella / Arantza Portabales Santomé 

9.- Sakura / Matilde Asensi 

10.- El latido de la tierra / Luz Gabás  

DEZ LIBROS MÁIS LIDOS INFANTIL/XUVENIL  

1.- Isadora Moon va al colegio / Harriet Muncaster 

2.-¿De qué color es un beso? / Rocío Bonilla 

3.- La diversión de Martina: misterio en el internado / Martina D´Antiochia. 

4.- Seis de cuervos / Leigh Bardugo 

5.- Isadora Moon va de excursión / Harriet Muncaster 

6.- Isadora Moon va al ballet / Harriet Muncaster 

7.- El señor búho y el bosque / Christelle Chatel 

8.- Alianzas / Iria G. Parente.  

9.- Anna Kadabra: el club de la luna llena / Pedro Mañas, ilustraciones, David Sierra Listón 

10.- La diversión de Martina: ¡Aventuras en Londres! / Martina D´Antiochia 

 A concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes, destacou na súa intervención a importancia que ten a lectura para a formación e o crecemento persoal das persoas, convidando a todos os veciños da vila a que continúen ou ben se inicien neste fabuloso mundo da lectura, contando na Guarda cunha biblioteca modesta pero cunha boa colección de libros de diversas temáticas e para todos os gustos.

TOMIÑO

O Concello de Tomiño realiza unha enquisa de satisfacción entre os usuarios da Aula de Estudo  

A iniciativa pretende servir para coñecer a súa opinión sobre as instalacións e detectar os aspectos que se poden mellorar

 

                    Usuarios da Aula de Estudo de Tomiño - Foto C.T.
 

Infogauda / Tomiño

 Xa pasaron case dous meses desde a inauguración da Aula de Estudo de Tomiño, que conta xa con máis de 160 persoas rexistradas, a cal está sendo moi empregada durante as últimas semanas especialmente polo alumnado universitario que está preparando os exames de xaneiro.  

 O Concello quixo aproveitar esta situación para realizar unha enquisa de satisfacción entre as persoas usuarias para coñecer cal é a súa opinión sobre as instalacións e cales son os aspectos que se poderían mellorar nun futuro.   

 Na enquisa, os usuarios poderán amosar o seu grao de satisfacción xeral coas instalacións, ademais de seren preguntados tamén por aspectos concretos como a temperatura ambiental, o nivel de ruído, os horarios, a iluminación ou a seguridade e separación entre as prazas, entre outras. Tamén haberá un apartado para que valoren aspectos que deberían ser mellorados ou para a demanda de novos servizos nas instalacións.  

 A enquisa subirase mañá mércores á páxina web do Concello de Tomiño e estará dispoñible durante as vindeiras semanas.

GOIÁN (TOMIÑO)

PÁJAROS DE VERANO, NO CINECLUB POLEIRO 

Este xoves día 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Goián

 


Rita Alonso / Goián

 O próximo xoves, día 14  de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Goián, o cineclub Poleiro proxecta a película colombiana PÁJAROS DE VERANO, baseada nunha historia real, que explica a orixe do narcotráfico en Colombia. Unha fita dirixida por Ciro Guerra e Cristina Gallego.   

Sinopse

 Ambientada nos anos 70, cando a xuventude norteamericana abraza a cultura hippie e a marihuana. Os agricultores da zona convértense en “empresarios” rápidamente. Unha familia indíxena asume o liderado nesta nova empresa. Riqueza e poder combínanse cunha guerra fraticida que ameaza vidas e tradicións ancestrais.  

 Mellor película no Festival de La Habana, nos premios Fénix, nos premios Macondo e nos premios Ariel.   

 O 4 de xaneiro programamos A ILLA DAS MENTIRAS, de Paula Cons.  

Sinopse

 Madrugada do 2 de xaneiro de 1921. Naufraxio frente a illa de Sálvora do buque Santa Isabel con destino a Bos Aires. Tres mulleres bravas salvan a preto de 50 náufragos. Un xornalista arxentino investiga o suceso e descubre moitas incógnitas.  Historia e ficción sobre as heroínas de Sálvora.  

 O cineclub Poleiro conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, da Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta de Galicia dentro do marco do Xacobeo 2021.

TURISMO

A Xunta de Galicia destina preto de 1 M€ a 87 proxectos de mellora e embelecemento da contorna do Camiño de Santiago 

Esta liña de actuacións permite subvencionar actuacións propostas por entidades locais ou particulares en liña co obxectivo de mellorar a contorna e recuperar a paisaxe do Camiño de Santiago 

 


Infogauda / Galicia

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación dos 87 proxectos beneficiarios da liña de subvencións habilitada por Turismo de Galicia para a mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos situados no Camiño de Santiago.

 O obxectivo desta esta liña de actuacións é levar adiante actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecera a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara a celebración deste Ano Xacobeo bianual. As actuacións que recolle esta liña de axudas supoñen unha mobilización de recursos de máis de 1.4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto de 1 millóns de euros.

 Nesta edición un total de 31 concellos galegos e 56 particulares son beneficiarios con actuacións nos diferentes itinerarios do Camiño e nas catro provincias galegas. Por distribución xeográfica, Lugo conta con 31 proxectos concedidos, seguida de A Coruña con 24 e Pontevedra, con 23 proxectos, e Ourense conta con 11 actuacións beneficiarias, entre concellos e titulares de bens mobles o inmobles, recursos ou elementos situados no trazado xacobeo.

ACTUACIONS SUBVENCIONADAS NO BAIXO MIÑO

 Polo que respecta a Categoría 2ª: persoas físicas e xurídicas privadas  - Subvencións a entidades locais para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, na resolución figuran, entre outras, a Xunta veciñal de montes en man común da Guarda, con 10.000 euros de subvención, para a Área de descanso do peregrino; e a Asociación Muiñeiros do río Tripes, de Tui, tamén con 10.000 euros, para o acondicionamento do entorno do Muiño do Mañoco.

Melloras en vivendas e espazos públicos

 Entre as actuacións que se posibilitan grazas a esta liña cóntanse a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas.

TUI

A Xunta de Galicia intervén a residencia de maiores Paz y Bien

As Consellerías de Sanidade e Política Social toman esta medida para reforzar o persoal do centro e garantir a calidade asistencial 


Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia vén de intervir a residencia de maiores Paz y Bien, de Tui co fin de reforzar o persoal do centro. Unha vez avaliada a situación da residencia, as Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esa medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde, tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores do centro.

 Un equipo da Consellería de Política Social está xa desprazado no centro para facer un seguimento permanente sobre a situación dos residentes, así como para vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta de Galicia. Os profesionais do Sergas tamén velarán pola continuidade dunha atención sanitaria axeitada na residencia.

 A residencia de maiores Paz y Bien, de Tui rexistra 66 casos positivos entre os usuarios e 16 entre os traballadores.

GALIZA

A CIG convoca novas mobilizacións para demandar un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas 

As protestas terán lugar este xoves 14 en todas as cidades galegas 

Infogauda / Galiza

 A crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 evidenciou máis ca nunca a necesidade de poñer os coidados no centro das políticas públicas e a urxencia de incrementar os investimentos públicos en servizos de atención ás persoas. Por iso a CIG está a desenvolver unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas na que se insiren as concentracións que se desenvolverán este xoves 14 de xaneiro nas sete cidades galegas. 

MOBILIZACIÓNS 

· A Coruña: 11:00 horas. Subdelegación do Goberno. 

· Ferrol: 11:00 horas. Diante do INSS (rúa Catalunya). 

· Santiago: 11:00 horas. Praza do Toural. 

· Lugo: 11:00 horas. Edificio da Xunta (Ronda da Muralla). 

· Ourense: 11:30 horas. Diante do INSS (rúa Concello). 

· Pontevedra: 11:00 horas. Praza da Peregrina. 

· Vigo: 11:00 horas. Farol de Urzaiz.

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra intensifica medios e esforzos no mantemento das estradas da rede provincial ante a complexa situación derivada da vaga de frío 

 

As brigadas de mantemento e conservación, así como as empresas contratadas, xa esparexeron case 200 toneladas de sal para facer fronte ás xeadas producidas e atenderon na última semana preto de setenta incidencias 

 

Infogauda / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra mantén un intenso operativo para garantir o mantemento e a seguridade no viario provincial con motivo da complexa situación derivada da vaga de frío rexistrada nos últimos días. Deste xeito, os parques provinciais de maquinaria continúan a traballar intensamente ao longo dos 1.700 quilómetros das estradas da rede da Deputación e atenderon xa na última semana preto de setenta incidencias.

  Practicamente a totalidade destas incidencias foron motivadas por duras xeadas nas tres zonas de actuación (norte, centro e sur) en que a Deputación divide a provincia, especialmente na zona norte onde se están a rexistrar as temperaturas máis baixas. As brigadas de mantemento e conservación dispoñen das provisións necesarias de sal para protexer a rede de estradas provinciais destes episodios de frío mediante maquinaria dotada de esparexedores. Debido aos baixos rexistros dos últimos días xa foron consumidas más de 190 toneladas para facer fronte ás xeadas producidas na rede de estradas e realizáronse percorridos preventivos de estendido de sal na case totalidade do viario provincial.

  Con respecto ás incidencias, a maior parte producíronse nas zonas norte (Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e centro (A Lama, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, Fornelos, O Grove, A Illa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Redondela, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova), nas que houbo unha trintena de actuacións. En menor medida afectaron á zona sur (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Tomiño, Tui, Vigo, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona e Mos), con 14 intervencións.

  Dada a previsión para estes próximos días, nestes momentos están dispoñibles máis de 120 toneladas de sal gardadas nos parques de Ponteareas,  Gondomar, Pontevedra, Codeseda (A Estrada) e Lalín. En canto á maquinaria, cóntase con seis esparexedores de sal instalados nos correspondentes camións e catro coitelas quitaneves a empregar en caso necesario.

 Continuas actuacións preventivas

  Por mor dos fenómenos extremos que se están a padecer, a situación está a ser moi complexa pese as continuas actuacións preventivas que están a realizar os medios da Deputación esparexendo sal tanto a primeira hora da mañá como a última da tarde en toda a rede para evitar placas de xeo na calzada e garantir a seguranza viaria. Zonas pouco habituais pola afección do frío e as xeadas estanse a ver tamén afectadas, polo que se intensificaron os esforzos tanto en medios humanos como materiais.

  O operativo provincial ten mobilizado a preto de oitenta persoas. A maiores, participan os coordinadores de brigadas e o demais persoal técnico da institución provincial.  Cabe lembrar que as brigadas están a traballar en horario de mañá, de tarde, e de garda localizada durante a noite para atender incidencias chegadas desde o servizo de vixilancia da Deputación, que recibe avisos tanto desde o 112, dos concellos, de policías locais e incluso da propia veciñanza.

ECONOMÍA

A Deputación de Pontevedra súmase á hostalería e ao comercio da provincia na esixencia á Xunta de Galicia dun plan de rescate  

O goberno provincial remitirá unha carta á Xunta de Galicia instando a "un plan inmediato, dotado con recursos suficientes, que evite o peche de empresas e a perda de postos de traballo" 

 

Os deputados Carlos Font e Santos Héctor, mantiveron hoxe un encontro co presidente e a xerente da Federación Provincial de Hostalería, César Sánchez-Ballesteros e Beatriz Carballido, e con Celia Cabrera en representación do comercio - Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra únese á hostalería e o comercio da provincia para reclamar á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Plan de Rescate "que dea respostas a ambos os dous sectores, ante a complexa situación que están a vivir derivada da pandemia, con milleiros de familias e persoas afectadas". Os deputados Carlos Font e Santos Héctor, mantiveron hoxe un encontro co presidente e a xerente da Federación Provincial de Hostalería, César Sánchez-Ballesteros e Beatriz Carballido, e con Celia Cabrera en representación do comercio, a quen trasladaron o compromiso do Goberno provincial de esixir este plan ao Goberno autonómico, como administración competente exclusiva, "un plan inmediato, que estea dotado con recursos suficientes e que resulta imprescindible dada a situación de restricións continuas que están abocando ao peche de empresas e establecementos, coa conseguinte perda de moitos postos de traballo"

 "Non se trata de cuestionar as medidas sanitarias que decidan - dixo Carlos Font -, trátase de esixir os recursos suficientes que palíen a situación e que permitan a subsistencia das empresas e dos empregos".

Compromisos directos

  Carlos Font e Santos Héctor avanzaron aos representantes da hostalería e do comercio o compromiso da Deputación para poñer en marcha no menor prazo posible aquelas propostas que fan ambos os dous sectores que "si se corresponden coas nosas competencias". Así, co obxectivo de dar resposta á necesidade de apoio á dixitalización e innovación nas empresas, a Deputación traballará conxuntamente coa hostalería e co comercio en proxectos que poidan ser integrados na presentación dos programas que a institución provincial está a preparar para captar fondos europeos. Incluso os deputados trasladaron a disposición de estudar a opción dos PERTE, proxectos estratéxicos cara á recuperación e a transformación da economía mediante a colaboración público privada.

  De feito, o potente programa que ultima a Deputación incidirá de forma importante no sector servizos, polo que na reunión de hoxe se pechou con ambos os dous sectores o inicio de colaboración para a que se establecerá un calendario de reunións cara a empezar a avaliar propostas que sexan susceptibles de integrarse no programa de captación de fondos.

  Ademais, o Goberno provincial canalizará ao través de SmartPeme un plan específico de formación para o persoal profesional cara a unha maior preparación nos procesos de reapertura dos establecementos, e cara ao emprego se axilizará o programa de primeiro emprego para empresas. Do mesmo xeito, a Deputación tamén coincidiu coa hostalería e co comercio na necesidade, cara á desescalada, de seguir poñendo en marcha campañas de promoción para a reactivación do consumo e do turismo como, de feito, ven facendo a institución provincial desde o remate da primeira onda da pandemia. O Goberno provincial colaborará igualmente con ambos os dous sectores con campañas específicas de publicidade contra o medo a acudir aos establecementos.

  Respecto á situación dos establecementos de hostalería e comercios dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, os deputados lembraron a novidade deste ano do Plan Concellos, que permite aos gobernos locais destinar ata 6 millóns de euros a establecer unha liña de axudas directas aos dous sectores e aqueles outros afectados polas consecuencias da pandemia.