13 de dec. de 2021

O ROSAL

A cidadanía do Rosal xa desfruta do seu novo ecoparque O Sobreiral   

O Concello estreou o céntrico espazo verde cun magosto no que participaron moitos veciños e veciñas e tecido asociativo  


Moitos rosaleiros e rosaleiras, entre eles, moitos nenos e nenas, xa desfrutaron dun lugar onde se pode vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados

Fotos: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal xa desfruta do seu ecoparque O Sobreiral, un novo espazo que combina lecer e inclusividade no centro do municipio. O Concello estreouno cun magosto no que participaron moitos veciños e veciñas e que contou coa axuda da U.D. Ribera, O Club Ciclista O Rosal, a Agrupación Musical do Rosal e o Acanor Novás Valinox. A alcaldesa, Ánxela Fernández, definiu a inauguración deste espazo como un “gran día no que os rosaleiros e rosaleiras gañan un espazo de gran valor natural para o desfrute das familias con xogos inclusivos, musicais, de equilibrio e biosaudables nun entorno inmellorable”. 


A alcaldesa do Rosal - á der. da imaxe - na xornada de inauguración do ecoparque O Sobreiral

 Durante a xornada moitos rosaleiros e rosaleiras, entre eles, moitos nenos e nenas, xa desfrutaron dun lugar onde se pode vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados á primeira infancia con xogos sensoriais e de motricidade, unhas pequenas gradas para o desfrute da veciñanza, xogos tradicionais e xogos que fomentan a creatividade, especialmente de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que a música ten no municipio, como se demostrou na inauguración do espazo cunha exhibición musical dos percusionistas da Agrupación Musical do Rosal.


O ecoparque O Sobreiral, un espazo interxeneracional para desfrute de toda á veciñanza do Rosal
 

 “O ecoparque O Sobreiral é un pulmón de vitalidade para o centro do concello”, destaca a alcaldesa, xa que está a tan só 50 metros da Praza do Calvario, e é unha zona verde que aposta pola biodiversidade integrando todos os elementos na contorna natural con mobiliario de madeira: bancos corridos, gradas, butacas, escaleiras, ramplas de acceso e xogos están completamente mimetizados coa cor das cortizas das árbores.   

 Dende o Concello animan aos rosaleiros e rosaleiras a desfrutar ao máximo deste espazo, así como “tamén invitamos á veciñanza doutros concellos, xa que non hai ningún espazo similar na comarca”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario