21 de dec. de 2021

O PORRIÑO

Traballadores/as de Magna concéntranse polo incumprimento  dos acordo do ERTE 

A empresa non respectou o pactado sobre a rotación equitativa do persoal

 

Traballadores e traballadoras de Magna Seating  concentráronse na mañá deste martes diante das instalacións da  empresa no Polígono das Gándaras do Porriño

Fotos: CIG


Infogauda / O Porriño 

 Traballadores e traballadoras de Magna Seating  (auxiliar da automoción) concentráronse na mañá deste martes diante das instalacións da  empresa no Polígono das Gándaras do Porriño para denunciar o incumprimento do acordo do  ERTE. Segundo o pactado coa representación sindical, non pode haber unha diferenza de  afectación entre as persoas traballadoras de máis de cinco días, pero neste momento hai  traballadores/as que acumulan 45 días de contrato suspendido mentres que outro persoal só  estivo cinco días no desemprego. 

 A factoría pecha ademais polas vacacións de nadal dende o 23 de decembro até o 3 de  xaneiro, polo que será imposíbel regularizar estas diferenzas. Pola súa parte, explica Manolo  Simón, da CIG-Industria de Vigo, a empresa entende que cumpriu co acordo de rotacións e nas reunións mantidas estes días non achegou ningunha solución efectiva. 

 Diante disto, o comité decidiu realizar esta concentración de denuncia tendo en conta ademais  que a empresa xa comunicou que ten previsto aplicar outro ERTE para o próximo ano,  xustificándose nos problemas de subministración dos compoñentes da automoción e as  paradas na factoría de PSA. Neste senso, Simón xa adianta que "vai ser difícil chegar a acordo  na negociación, cando a empresa non está cumprindo o pactado no actual ERTE". 

 Cómpre subliñar que os arredor de 400 traballadores e traballadoras de Magna Seating levan  dous ERTE encadeados, o primeiro por forza maior derivado da Covid, e o segundo a causa das paradas de produción do seu cliente, PSA, durante o que parte do persoal sufriu problemas  para poder cobrar as prestacións por desemprego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario