9 de dec. de 2021

O BAIXO MIÑO

A CIG-Saúde convoca folga na atención primaria do Baixo  Miño para reclamar máis persoal e contratos dignos 

O paro desenvolverase nos centros de saúde e nos PAC dos concellos  da Guarda, Oia e O Rosal do 21 ao 24 de decembro 


O cadro reflicte os datos correspondentes ao día de hoxe, xoves 9 de decembro de 2021
Foto: CIG

Infogauda / O Baixo Miño

 A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga do 21 ao 24 de  decembro ante a grave situación na que se atopa a atención primaria do Baixo Miño. Con este paro,  que se desenvolverá nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, a  central quere reclamar máis persoal e contratos estables e dignos. 

 Segundo explican dende a CIG-Saúde, a esta folga está chamado todos/as os traballadores/as de  cada unha das categorías laborais que prestan servizos nos centros de saúde e nos Puntos de  Atención Continuada do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente. E desenvolverase  dende as 8:00 horas do 21 de decembro até as 8:00 horas do día 24 do mesmos mes. 

 Con esta medida de presión a central sindical quere poñer de manifesto diante da Administración  sanitaria e da opinión pública a preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da  atención primaria, “que se manifesta con especial gravidade nos tres concellos que forman o ámbito dunha convocatoria coa que pretendemos que se abra un marco de negociación coa Xunta para  conseguir unha atención primaria digna”.  

 Na CIG-Saúde consideran “irrenunciábeis” unha serie de cuestións, como a necesidade de aumentar o persoal mediante a convocatoria inmediata de todas prazas necesarias en todas as categorías, “non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en  función da análise de necesidades co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por  profesional”.  

 Outra demanda pasa por que se fagan contratos “estábeis e dignos” que permitan dar cobertura ao  100% das ausencias para garantir unha prestación asistencial de calidade e rematar coa situación de  “penosidade e precariedade” actual. 

 Tamén solicitan a dotación dun segundo equipo de medicina de familia e enfermería no PAC da  Guarda para garantir unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como  para profesionais, “tendo en conta as características xeográficas e socio demográficas da poboación  atendida”. 

 Finalmente, reclaman o establecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais  na atención primaria do ámbito rural que teñen demostrado a dificultade de cobertura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario